VÍDEO.- Días de sarabiada nas Rías Baixas nunha semana de tempo inestable
Por Anxo Lourido
Na tarde deste martes 14 rexistráronse fases de tormenta que deixaron episodios de forte sarabiada na provincia de Pontevedra con pedrazos do tamaño máis grande que unha cereixa. Este mércores, segundo o servizo de Meteogalicia, chega con ceos parcialmente nubrados con chuvascos con posibilidade de que veñan acompañados de máis tormentas e sarabiadas.
Galicia continúa baixo a influencia dun centro de baixas presións situado entre Azores e Lisboa e con aire frío nas capas altas da atmosfera. Continuará a inestabilidade e as temperaturas mínimas subirán lixeiramente mentres que as máximas experimentarán un lixeiro descenso situándose entre os 11 e os 24 graos. O vento soprará frouxo de compoñente sur.
Este xoves 16 virá tamén marcado pola chegada dunha fronte fría polo suroeste. Espéranse choivas que procederán do sur á primeira hora e que serán xerais a partir do mediodía. As temperaturas sufrirán lixeiros descensos quedándose entre os 11 e os 20 graos. Os ventos soprarán de compoñente sur moderados, con intervalos fortes no litoral oeste de alicia.
Ao longo do venres espérase que continúe a mesma situación debido á influencia das baixas presións. Os ceos continuarán nubrados con chuvascos xeneralizados pola mañá que se irán retirando hacie o suroeste pola tarde. As temperaturas estableceranse entre os 13 e os 17 graos con ventos do suroeste moderados.
A fin de semana permanecerá a inestabilidade atmosférica. Está prevista unha elevada probabilidade de choiva tipo chuvasco de carácter tormentoso. As temperaturas continuarán por baixo dos 20 graos.