Vaipolorío anima a colocar trampas para frear a expansión das velutinas en leiras particulares
Por Manu Otero
A pandemia do coronavirus detivo a actividade humana pero a natureza segue o seu curso. A primavera é época de cría de moitas especies, tamén para unha das especies invasoras máis perigosas do país: a avespa velutina. As novas raíñas inician agora a fase de construción de novos niños, polo que é tamén o momento idóneo para capturalas e seguir loitando contra a expansión desta especie que ameaza ás poboacións de abellas en todo o territorio galego.
Na contorna do río Gafos xa foron avistados varios exemplares desta especie buscando un lugar para construír o seu niño. Por iso desde a asociación Vaipolorío xa se puxeron ao choio para combater este problema de forma individual. "Os que vivimos ao redor do río e temos a sorte de ter unha leira podemos colocar estas trampas", explica Xosé Manuel Feijoo, que compartiu nas redes sociais da colectivo información sobre o ciclo reprodutor da especie e un vídeo no que pode verse como cae unha destas avespas nas trampas.
Alertan desde a agrupación de que aínda que o confinamento humano pode ser beneficioso para a reprodución de aves ou a cría de peixes no río, "o problema da velutina segue existindo". Nos últimos anos demostrouse que o trampeo masivo neste época resultou efectivo para frear a expansión das invasoras, pero temen que esta situación poida supoñer un paso atrás no control destas poboacións. Deste xeito animan a colocar trampas na súas leiras ou xardíns para manter o pulso.
Un recipiente pechado, con orificio de entrada para o insecto, que conteña unha mestura de viño branco, zume de arandos e cervexa negra supón un cóctel irresistible para estas avespas. E se se colga da rama dalgunha árbore en flor, a eficacia da trampa multiplícase.
Relacionadas:
-
Chamada de auxilio no lugar do Castrado en Cerponzóns ante a presenza de catro niños de velutinas
Por Anxo Lourido |
-
Retiran nun mes un cento de niños de avespas velutinas en Ponte Caldelas
Por Redacción | Creada e actualizada
-
Ollo co amor de home! E non falamos de sentimentos
Por Redacción |
-
Vaipolorío retoma a limpeza dos Gafos
Por Oskar Viéitez |
-
Vaipolorío retira as trampas de vespa asiática
Por Oskar Viéitez |
-
Obxectivo: eliminar as raíñas da velutina
Por Redacción |