A Deputación reforza a igualdade e a loita contra a violencia de xénero nos concellos con 320.000 euros
Por Redacción
Malia crise do coronavirus, a Deputación Provincial segue a manter o fomento da igualdade entre homes e mulleres como unha das súas liñas de actuación prioritarias. Deste xeito, vén de inxectar 320.000 euros á cobertura de plans e iniciativas de igualdade, así como programas de loita contra a violencia machista que se están desenvolvendo nos concellos e entidades da provincia.
As axudas distribúense en 220.000 euros dirixidos a 42 concellos de menos de 20.000 habitantes e 100.000 euros a 21 entidades da provincia que traballan a prol da igualdade.
En canto aos concellos, as axudas concedidas tiveron por obxectivo previr a violencia de xénero e fomentar a igualdade de oportunidades. Preténdese así colaborar cos municipios para que realicen proxectos e actividades de sensibilización, formación e prevención da violencia machista; iniciativas xurdidas dos acordos das mesas locais de coordinación interinstitucional contra a violencia de xénero; proxectos para a mellora da atención integral ás vítimas de violencia de xénero, fillas e fillos ou persoas dependentes ao seu cargo; actuacións destinadas a mulleres vulnerables ou con dificultades; iniciativas para mellorar a formación e orientación para o emprendemento e inserción laboral das mulleres; proxectos para elaborar plans municipais de igualdade ou difundilos; accións para crear redes e servizos de apoio que favorezan a corresponsabilidade e conciliación da vida persoal, familiar e profesional; así como proxectos de prevención e sensibilización no eido educativo e campañas de difusión e sensibilización en materia de igualdade.
Os concellos beneficiados por esta liña de axudas da Deputación foron Arbo, Barro, Baiona, Bueu, Caldas de Reis, Cambados, Campo Lameiro, A Cañiza, Catoira, Cerdedo-Cotobade, Covelo, Cuntis, Fornelos de Montes, Gondomar, O Grove, A Guarda, A Illa de Arousa, A Lama, Meaño, Meis, Moaña, Mondariz Balneario, Moraña, Mos, As Neves, Nigrán, Oia, Poio, O Porriño, Portas, Ribadumia, Rodeiro, O Rosal, Salceda, Salvaterra, Sanxenxo, Silleda, Soutomaior, Tomiño, Valga, Vilaboa e Vilanova de Arousa.
En canto ás entidades, as 21 beneficiarias distribúense entre os concellos de Caldas, Cambados, Cangas, A Guarda, Mos, Pontevedra, Silleda, Vigo e Vilagarcía. Nestas entidades estanse a impulsar proxectos de ámbito provincial centrados na sensibilización, formación e prevención da violencia de xénero; na atención integral a vítimas de violencias machistas; programas destinados a mulleres vulnerables ou con dificultades; iniciativas de fomento da igualdade; accións para mellorar a formación e orientación para o emprendemento e a inserción laboral das mulleres; así como iniciativas para crear redes e servizos de apoio e campañas de difusión e sensibilización da cidadanía.
Relacionadas:
-
A Deputación financiará 26 entidades sociais para fomentar a igualdade e a loita contra a violencia machista
Por Redacción |
-
A Deputación asina tres novos convenios para a promoción da igualdade e a loita contra a violencia machista
Por Redacción |
-
O Grove lanza unha oferta de emprego para contratar dezanove traballadores
Por Redacción |
-
O lema 'Por nós, por todas' vestirá a balconada da Deputación de Pontevedra para reivindicar a igualdade
Por Sara Iglesias & Cristina Saiz |
-
A Deputación amosa a súa "indignación e enfado" cos negacionistas da violencia de xénero
Por Oskar Viéitez & Cristina Saiz |
-
Igualdade, coidado do medio ambiente e mellorar a relación coa Xunta, obxectivos da nova Deputación
Por Manu Otero |