O CHOP revisará a atención a nenos con diabete, pero non refozará o servizo con outra pediatra especializada
Por Redacción
As queixas e reclamacións realizadas pola asociación de nenos e nenas con diabete de Galicia (Anedia) en torno á atención sanitaria especializada para os rapaces con esta patoloxía xa teñen unha primeira resposta positiva. Este mércores produciuse unha reunión de traballo no Complexo Hospitalario de Pontevedra (CHOP) e os responsables médicos comprometéronse a revisar o servizo. O que non se fará será refozar unha segunda pediatra cando a única profesional especializada esté de baixa, días libres ou vacacións.
Segundo informou Anedia, a reunión convocouna o CHOP en resposta á petición oficial formulada por rexistro o 15 de xullo. Produciuse a primeira hora do mércores na Dirección do Hospital Provincial e estiveron presentes o xerente do CHOP, José Manuel González Alvarez; o xefe de Pediatría, José Antonio Couceiro Guianzo; e as presidenta e vicepresidenta de Anedia, Ana Pérez e Silvia Puga.
En relación co reforzo de persoal pediátrico, o xerente sinalou ás representantes da asociación que ao haber menos de 100 nenos con diabete na área sanitaria de Pontevedra e O Salnés "non poden satisfacer a demanda" de que se cubran as ausencias da pediatra especializada en diabete, con outra pediatra coa mesma especialidade, se ben constatan que todos os pediatras do CHOP coñecen os protocolos de actuación en diabete infantil. Dende a Dirección recordáronlles que "siempre se les dice que las citas son programadas pero que, si hay algún problema que obligue a adelantarlas se adelantan, al margen de otros medios a su disposición: teléfono, correo electrónico, etc".
Tras unha longa reunión de máis dunha hora Anedia e o CHOP expuxeron as súas posturas, manifestaron o "interese por colaborar" e desde o CHOP "comprometéronse a revisar algúns aspectos da atención diabetolóxica pediátrica" como a posta en marcha dun servizo de educación diabetolóxica en pediatría, a coordinación co servizo de saúde mental e a coordinación cos servizos de atención primaria e a formación aos docentes.
Porase en marcha un servizo de educación diabetolóxica en pediatría
Dende a asociación maniféstanse "contentos" co curso da reunión e esperan que supoña "o inicio dunha relación estable e duradeira" entre as familias de nenos con diabete e o CHOP.
Un dos acordos aos que chegaron é a necesidade de sistematizar a educación diabetolóxica, de xeito que "chegue a todos os usuarios por igual" e sexa "estable e duradeira" no tempo e non só obradoiros puntuais. Ao respecto, sinalan que os obradoiros "cumpren o seu labor", pero ambas partes "coinciden" na necesidade de dotar o servizo de educación diabetolóxica permanente. Sería a cargo dunha enfermeira e valorarán como chegar a satisfacer as necesidades e demandas de nenos e pais.
Outro dos compromisos é a necesidade de mellorar a coordinación entre o servizo especializado en diabetoloxía e área de saúde mental, para dar resposta ás necesidades dos nenos e das súas familias. Faise co fin de facilitar tanto nos titores dos cativos como neles mesmos a asimilación de que teñen unha doenza crónica, e que asuman con máis facilidade a nova condición coa que de agora en diante teñen que vivir. Tamén se busca axudalos a pasar as distintas etapas ás que se enfrontan: cambios de tratamento, adolescencia, relacións sociais, saír fóra de casa ou necesidade de autonomía.
En relación co servizo de atención primaria, falaron da posibilidade de elaborar un mapa que recolla en que centros de saúde hai nenos con diabete para poder facilitar a labor destes profesionais dándolles unha formación específica e mellorando a coordinación co CHOP. De cara ao vindeiro curso escolar Anedia ofertará coa colaboración do CHOP formación básica sobre a atención aos nenos con diabete nas escolas.