VÍDEO.- Aparatoso accidente en Barro: un camión sae da vía e queda semi colgado nun desnivel
Por Diego Torrado & Natalia Puga
Un camión articulado protagonizou na mañá deste venres un aparatoso accidente de circulación en Barro, na PO-531, a coñecida como estrada de Vilagarcía a Pontevedra. Por causas que aínda non se estableceron, saíuse da vía e a cabeza tractora deslizouse por un desnivel que fixo que o vehículo quedara colgando e con risco de caer cara á vía situada xusto debaixo.
O remolque, pola súa banda, quedou levantado sobre a estrada PO-531, de tal forma que o vehículo non podía moverse do lugar e quedou á espera da chegada dun guindastre de grandes dimensións que procedeu á súa retirada. As tarefas remataron sobre as 11.00 horas, unhas dúas horas e media despois do accidente.
O accidente produciuse sobre as 8.30 horas no punto quilómetro 8,200 crecente da estrada e ata o lugar trasladáronse axentes do subsector de Tráfico da Garda Civil de Pontevedra, que sinalizaron o punto do sinistro ata a chegada do guindastre.
Ata o lugar do accidente tamén se desprazo unha ambulancia, aínda que non foi necesaria a súa intervención porque o condutor do camión resultou ileso.
O accidente non provocou complicacións circulatorias, pois o camión tan só ocupou a beiravía e unha pequena parte dun carril de circulación que Tráfico sinalizou por accidente. Os vehículos puideron circular pola vía con normalidade.