Avanza a 'cruzada' municipal contra os vehículos abandonados na rúa coa vía libre á retirada de dez
Por Redacción
O Concello de Pontevedra deu novos pasos na súa particular 'cruzada' para que os vehículos abandonados desaparezan das rúas da cidade. O concelleiro de Desenvolvemento Sostible e Medio Natural, Iván Puentes, asinou este venres dez declaracións de vehículos abandonados nas vías públicas como residuos sólidos urbanos.
En total, hai 79 expedientes activos nestes momentos, dos que 66 se abriron entre este ano e o pasado. Estes dez últimos son o resultado de denuncias efectuadas pola Policía Local e, en menor medida, pola Garda Civil entre finais de xaneiro e principios de marzo, todas elas pola presenza de turismos en evidente estado de abandono na vía pública durante un período prolongado de tempo.
En concreto, os vehículos afectados son un Ford Escort na rúa Doce de Novembro; un Peugeot 306 en Augusto García Sánchez; un Citroën ZX en Padre Fernando Olmedo; un Suzuki Grand Vitara en Juan Bautista Andrade; un Seat Ibiza á altura do quilómetro 85 da estrada nacional N-541; un Peugeot 206 en Eduardo Pondal; un Opel Frontera na avenida de Lugo; un Fiat Uno na rúa Francisco Añón; un Ford Fiesta en Ángel Amor Ruibal, e un Audi A4 en María Victoria Moreno.
Unha vez realizado este trámite, o servizo municipal de Disciplina Urbanística e Medio Ambiental estaría xa en disposición de proceder á retirada dos automóbiles, así como á súa descontaminación e destrución por Automociones Catoira SL, un centro homologado para o seu tratamento como residuos sólidos urbanos, que deberá expedir un documento xustificativo da recepción dos automóbiles e os preceptivos certificados de descontaminación e destrución, tramitando ademais a baixa definitiva no Rexistro de Vehículos da Dirección Xeral de Tráfico.
Iván Puentes destaca que estes vehículos "supoñen focos de contaminación e insalubridade" e que en todos os casos tíñase constatado con anterioridade o estado de falta de conservación e os sinais de abandono dos coches e requiríuselle aos propietarios que no improrrogable prazo de 15 días (dende a notificación) procedesen á súa retirada ou á entrega nun centro autorizado de tratamento ou instalación de recepción regulado no Real Decreto 20/2017.
No requirimento realizado polo servizo de Disciplina Urbanística e Medio Ambiental advertíaselles aos titulares dos vehículos de que, pasado o citado prazo de 15 días sen dar cumprimento ao requirido, a Administración municipal podería adoptar as medidas sancionadoras previstas na Lei de Residuos Sólidos Urbanos de Galicia, que contempla sancións de entre 603 e 31.000 euros (en supostos de infracción grave), procedendo ademais á retirada do vehículo polo guindastre e dándolle o tratamento de residuo sólido urbano.
Relacionadas:
-
Retirados quince coches abandonados nas rúas da capital nas últimas semanas
Por Oskar Viéitez |
-
O Concello prepárase para retirar 37 vehículos abandonados, unha Vespino e dúas bicis
Por Redacción |
-
Que podemos facer se o veciño non limpa a súa parcela?
Por María José Pita |
-
A retirada do coche chabola do Pavillón abre a ofensiva do Concello contra os coches abandonados
Por Redacción |
-
O Concello declara residuos sólidos urbanos unha vintena de vehículos abandonados
Por Redacción |
-
Parques e Xardíns prevé que as zonas verdes poidan estar como antes do confinamento no prazo de dúas semanas
Por Redacción |
-
Dez novos requirimentos de retirada e outras tres declaracións de coches como residuos sólidos urbanos
Por Redacción |
-
O Concello retirará de xeito "progresivo" todos os vehículos abandonados nas vías públicas
Por Redacción |