Carballos e castiñeiros chegan 'in extremis' ao parque forestal da Tomba
Por Alejandro Espiño
O estado de alarma decretado polo coronavirus paralizou moitos dos traballos que estaban en marcha. Algúns puidéronse retomar sen problemas, pero outros dependen moito da climatoloxía e da época do ano na que estamos. É o caso das plantacións forestais.
Os traballos no parque forestal da Tomba foran interrompidos na semana do 30 de marzo ao entrar en vigor a prohibición de realizar servizos e actividades non esenciais.
Ante esta situación houbo que buscar unha solución para as 2.000 plantas, entre carballos e castiñeiros, que permanecían sen plantar.
Quedaron 'aviveiradas' nos terreos onde se almacenaban. É dicir, procedeuse á súa plantación provisional en espera de determinar en que momento se poderían desenterrar para ser transplantadas no monte, en función da duración das medidas de restrición, do estado das propias árbores e de se as condicións metereolóxicas serían as axeitadas para facelo.
Unha vez se reactivou a actividade forestal, revisáronse todas estas plantas para verificar que estivesen en bo estado e comprobouse que reúnen as condicións para ser transplantadas ao monte, posto que aínda non comezaran a brotar no terreo provisional.
Ademais, o tempo nesta semana non está sendo nin caloroso nin seco senón húmido e con temperaturas frescas, o que posibilitará un mellor enraizamento e crecemento tras o transplante.
Os traballos, para os que se prevé unha duración de aproximadamente dúas semanas, están sendo realizados atendendo ás medidas de seguridade e prevención establecidos para evitar a propagación do coronavirus.
Neste momento están traballando cinco persoas que combinan tarefas manuais co manexo de dúas retroescavadoras, coas que se prepara o terreo para a plantación.
A actuación no parque forestal da Tomba contempla manter as árbores existentes -agás as especies invasoras, que están sendo eliminadas- e a plantación de 25.000 novos exemplares de diversas especies, maioritariamente castiñeiros e carballos.
Tamén está prevista unha plantación de 5.000 oliveiras que formarán parte dun proxecto experimental de aproveitamento produtivo.
Relacionadas:
-
Plantación de oliveiras na Tomba para obter aceite 'made in' Pontevedra
Por Redacción |
-
O Parque forestal da Tomba estará rematado a final de ano
Por Redacción |
-
Ollo co amor de home! E non falamos de sentimentos
Por Redacción |
-
Pontevedra paraliza polo coronavirus todas as obras públicas non urxentes
Por Oskar Viéitez |
-
Elsamex acondicionará o parque forestal da Fracha, o máis grande que terá Pontevedra
Por Alejandro Espiño |
-
Comeza a replantación do parque da Tomba con 25.000 novos exemplares de árbores
Por Redacción |