A CIG denuncia que se utilice ao persoal da construción como "ratas de laboratorio" ante a pandemia
Por Redacción
A Federación de Construción e Madeira da CIG emitiu un duro comunicado contra o Goberno preguntándose que cambiou realmente para que se xustifique o retorno do persoal da construción á actividade baixo "unha falsa aparencia" de normalidade, unha vez finalizado o "permiso retribuído recuperable", unha expresión que para este sindicato é unha fórmula para edulcorar a desregulación da xornada implantada polo Goberno de Pedro Sánchez.
Segundo sinalan, agás excepcións, en boa parte do sector seguen a traballar igual que antes do inicio da crise sanitaria. Desta forma denuncian que os traballadores acoden ás obras amontoados nos mesmos vehículos e sen os equipos de protección individual (EPI) necesarios para poder realizar o traballo coa seguridade suficiente.
Os responsables desta Federación apuntan que este sector aínda non reúne os mínimos elementos de seguridade que xustifiquen o retorno á actividade. Entenden que a volta ao traballo foi unha medida precipitada e que ademais levou a que milleiros de traballadores se expoñan ao virus ou que as empresas inicien o que definen como unha "segunda avalancha de ERTE". A CIG indica que estas medidas de regulación de emprego volveron dispararse esta semana.
Sinalan, ademais, que os operarios volveron ás obras pero carecen de establecementos para comer e para durmir, no caso de que sexa necesario, porque a hostalería atópase pechada.
Por este motivo afirman que é "absolutamente humillante" e "bochornoso" o trato que se está realizando aos profesionais do sector. E engaden que se lles trata como "ratas de laboratorio da crise sanitaria" porque no resto dos sectores non esenciais prevalece a saúde.
Por último, denuncian a carta enviada pola patronal da construción ás súas empresas asociadas con instrucións de traballar o pasado luns 13 de abril, festivo recollido no convenio, para usalo e comezar a devolver o permiso retribuído establecido polo Goberno. "Esta orde é ilegal", apuntan ao non modificarse o calendario laboral sen haber un acordo expreso entre as partes.
Relacionadas:
-
Protestas simbólicas da CIG diante de centros de traballo con motivo do Día Mundial da Seguridade e Saúde Laboral
Por Redacción |
-
A Xunta retoma as obras da estación intermodal de trens e autobuses en Pontevedra
Por Redacción |
-
Inician os traballos para ter a cidade mellor acondicionada para a volta do confinamento
Por Oskar Viéitez |