O xuíz deixa en liberdade un pontevedrés que se saltou o confinamento 14 veces, seis nun mesmo día
Por Natalia Puga
A Policía Nacional detivo por un delito de desobediencia un veciño de Pontevedra de 43 anos que se saltou o confinamento decretado polo Real Decreto do estado de alarma en 14 ocasións desde o pasado 24 de marzo, seis delas nun mesmo día, e nas últimas semanas foi identificado e detido por varios roubos. Tras pasar a disposición xudicial, quedou libre.
O pasado mércores 15 de abril ás 17.15 horas unha patrulla policial que estaba a realizar labores de prevención da seguridade cidadá localizou nas inmediacións da rúa Rosalía de Castro a un individuo que tentou roubar no interior dunha farmacia e despois roubou 14 envases de xabón valorados en 41,86 euros dun supermercado da mesma rúa.
Tras localizarlle e efectuar un cacheo de seguridade, os axentes atopáronlle os produtos subtraídos escondidos dentro do pantalón. Ademais, tiveron coñecemento de que tratara de subtraer produtos noutros supermercados ao longo desa mesma tarde.
O home, que conta con antecedentes policiais, ía ser detido nese momento presunto autor dun roubo con violencia, pero a Policía Nacional constatou que se trata dun pontevedrés que foi proposto para sanción por quebrantamento da orde de confinamento nas citadas 14 ocasións, seis delas nun mesmo día, de modo que tamén o detiveron por un delito de desobediencia.
No momento da detención, o home ofreceu gran resistencia e insultou aos axentes en reiteradas ocasións, ademais de causar danos ao vehículo policial.
Este pontevedrés é xa un vello coñecido da Policía Nacional durante o estado de alarma. Así, o pasado 7 de abril foi identificado por un delito leve de furto nun supermercado da cidade ás 21.00 horas.
Ese mesmo día, ás 21.40 horas, foi identificado novamente por un delito leve de furto nunha farmacia e ás 22.40 protagonizou un altercado cunha muller á que lle propinou un empuxón e un tirón de pelos. Finalmente, foi detido por un roubo con violencia.
O Xulgado de Instrución número 2 de Pontevedra decretou a súa posta en liberdade e ditou un auto no que rexeita a posibilidade de que se poida entender como cometido un delito de desobediencia por infrinxir a prohibición de circulación pola vía pública.
"A observancia das normas xerais non pode dar lugar máis que a cumprimentos ou incumprimentos, non a delitos de desobediencia", indica o xuíz, que engade que "só se desobedece un mandato concreto. A norma xeral, aínda que introduza prohibicións, non é susceptible por si mesma de ser desobedecida neste sentido penal". Para que sexa delito, destaca, a desobediencia debe ser grave.
"Que unha persoa sexa denunciada varias veces non supón que necesariamente debamos entender que comete delito", afirma o xuíz, que neste caso concreto considera que faltarían aínda elementos para saber se se cometeu ou non o delito, polo que debe continuar a investigación.
O fiscal pedía o seu ingreso en prisión, pero o xuíz rexeitouno e sostén que se debe interpretar de forma restritiva a posibilidade de ingreso en prisión provisional para evitar a comisión de novos feitos delituosos. Apelando ao Tribunal Constitucional, manifesta que para fundamentar a prisión provisional nese risco "debe existir unha posibilidade concreta de que exista un determinado feito que se pode afirmar como de moi probable comisión".
Neste caso, afirma que non existe unha "concreta previsión" de actos determinados que poderían ser cometidos novamente polo investigado. Si recoñece que existe unha "sospeita moi razoable" de que poida que volva incumprir as normas xerais, pero non dun concreto acto que se poida prever e que teña natureza de delito. Ademais, asegura que tampouco observa habitualidad, pois considera que dado o tempo transcorrido desde que se decretou o estado de alarma "resulta difícil afirmar que un acto poida chegar a adquirir carácter de hábito".
No auto tamén explica que a medida de prisión provisional solicitada polo fiscal ten que ser rexeitada porque a imputación "non é sólida", pois detectou imprecisións no atestado sobre o total de denuncias e o número de feitos nos que supostamente estivo implicado o sospeitoso.
"Tampouco consta se foron realizados requirimentos, nin sequera se algunhas desas denuncias responden a un mesmo momento, dada a súa proximidade no tempo", sinala o xuíz, quen recalca que o delito polo que está investigado o detido "ten unha pena de multa e outra alternativa de prisión de tres meses a un ano, polo que está moi lonxe dos límites xerais da medida cautelar de prisión provisional".
Relacionadas:
-
Criterio común dos xulgados de Pontevedra: multas por desobediencia no primeiro estado de alarma, anuladas
Por Alejandro Espiño |
-
Desaloxan de madrugada un local de lecer nocturno pontevedrés no que se estaba celebrando unha festa
Por Redacción |
-
Envían a prisión o ladrón sospeitoso de varios roubos e de saltarse o confinamento 17 veces
Por Natalia Puga | Creada e actualizada
-
Maica Larriba pide un "sacrificio moi importante" á cidadanía para que non viaxe en Semana Santa
Por Natalia Puga |
-
"O loable é que a inmensa maioría da cidadanía está a cumprir rigorosamente as medidas de confinamento"
Por Natalia Puga |