Reanúdase a rehabilitación do Centro Social de Alende en Moraña
Por Redacción
Reactívanse as obras públicas en Moraña, segundo anuncia o Concello. Desta forma retómanse as actividades que se atopaban paralizadas debido ao estado de alarma. A primeira obra que se vai a afrontar é a continuación dos traballos de reforma integral do edificio da antiga cámara agraria de Alende para a súa conversión en Centro Social.
A obra conta cun orzamento de máis de 258.000 euros. Desta cifra, a Xunta achega 200.000 euros. Os traballos atopábanse na súa fase final a principios de marzo e agora afrontaranse os acabados interiores, o encintado, a instalación de servizos e a distribución dos espazos.
O goberno local alerta de que se adoptará un completo protocolo de seguridade sanitaria que recolle, entre outras medidas, o respecto ás distancias entre os operarios, a dotación de equipos de protección individual (EPI' s) e aspectos relacionados coa hixiene e a eliminación de residuos de obra.
O edificio pasará a converterse nun Centro Social, destinado a que a veciñanza e a terceira idade conten cun espazo para as súas actividades. A intención do goberno local é poñer en marcha nestas instalacións unha unidade pública de Alzhéimer, financiada pola Xunta de Galicia.
A próxima semana comezarán tamén as obras da mellora viaria e peonil, coa humanización de espazos, en Chan de Amil. Reformarase a contorna, de case 700 metros, do santuario dos Milagres de Amil. O orzamento ascende a máis de 250.000 euros, e conta co financiamento da Deputación de Pontevedra.
PROPOSTAS DO BNG PARA REACTIVAR A ECONOMÍA LOCAL
Pola súa banda, o BNG de Moraña presentou propostas para reactivar económica e socialmente ao municipio. O portavoz Marcos Suárez solicita a creación dunha mesa municipal de reactivación económica con todos os actores implicados. A intención é coñecer as necesidades de autónomos e das pequenas e medianas empresas.
Neste sentido, o grupo nacionalista pide ao Concello que solicite á Xunta de Galicia a adopción de todas as axudas económicas posibles para estes sectores que, en moitos casos, tiveron que pechar os seus establecementos.
Reclaman tamén unha gran campaña de reactivación do comercio local, con medidas de axuda económica. Ademais, piden a convocatoria urxente dunha xunta de portavoces municipais para escoitar do goberno municipal toda a información relevante con relación á crise sanitaria. Marcos Suárez afirma que reiteran o seu apoio e manteñen a man tendida en todo momento ao goberno municipal.
Relacionadas:
-
A Xunta autoriza a nova unidade de estimulación para persoas con alzhéimer de Moraña
Por Redacción |
-
En licitación o servizo da Unidade de Atención a Persoas con Alzheimer do Centro Social de Alende
Por Redacción |
-
Moraña reactiva as obras do perímetro do santuario dos Milagres de Amil
Por Redacción |
-
Os nenos de Moraña reciben o diploma da cuarentena
Por Redacción |
-
Moraña reforza o Servizo de Axuda no Fogar pola crise do coronavirus e suma sete novos usuarios
Por Redacción |
-
Fabiola García supervisa os traballos para converter a antiga Cámara Agraria de Moraña en centro social
Por Redacción |
-
Moraña quere ter rematado en marzo o novo centro social de Alende
Por Redacción |