Poio reforza a súa Policía Local coa incorporación de dous novos auxiliares
Por Redacción
Desde esta mesma semana, a Policía Local de Poio conta con dous novos reforzos. Trátase de dous auxiliares que se incorporan ao corpo de seguridade municipal durante un período de catro meses.
As novas incorporacións foron recibidas polo alcalde, Luciano Sobral; a concelleira de Seguridade Cidadá, Marga Caldas, e o xefe da Policía Local, Antonio Duarte.
Todos eles coincidiron á hora de sinalar a importancia de contar con estes reforzos para poder continuar desenvolvendo os dispositivos e actuacións necesarios para garantir a seguridade da cidadanía mentres se manteña o actual estado de alarma.
A estes dous novos auxiliares hai que sumarlles outros dous que comezaron a desenvolver as súas tarefas en Poio a principios deste mesmo mes de abril.
Ademais das súas obrigas como corpo de seguridade, a Policía Local tamén achega o seu gran de area para tratar de amenizar o confinamento aos máis cativos.
Para iso, a páxina web municipal ofrece posibilidade de descargar un arquivo recortable para crear unha maqueta de cartón dunha recreación dos automóbiles oficiais que utilizan os axentes policiais de Poio.
O material púxose a disposición da veciñanza e está a resultar todo un éxito, tal e como reflicten as máis de 450 descargas realizadas en menos dunha semana.
A Policía Local tamén se ofrece a publicar nas súas redes sociais as fotografías que envíen aquelas familias interesadas en amosar o traballo realizado con esta maqueta.
"Nestes días de confinamento queremos ofrecer a posibilidade aos rapaces e rapazas de realizar actividades en familia sen saír da casa e este traballo manual é unha desas opcións", sinala Antonio Duarte, que insiste, unha vez máis, en destacar o gran comportamento da veciñanza de Poio á hora de dar cumprimento ao estado de alarma.
Relacionadas:
-
Un condutor dáse á fuga e deixa o seu coche abandonado no peirao de Covelo con marihuana dentro
Por Redacción |
-
O Concello de Poio repartiu 8.000 euros para axudar ás familias máis necesitadas
Por Redacción |
-
Un axente da Policía Local de Poio rescata unha cría de gato dun contedor e decide adoptala
Por Redacción |
-
A Policía Local de Poio sancionou a 44 persoas que tentaron saltarse o confinamento durante a Semana Santa
Por Redacción |
-
Sorprenden dúas mozas que levaban varios días entrando nunha finca da Puntada para beber alcohol
Por Redacción |