A bicicleta terá prioridade ao concluír o confinamento
Por Oskar Viéitez
A vicepresidenta cuarta e ministra para a Transición Ecolóxica, Teresa Ribeira, anunciou a súa intención de estudar medidas para implantar o uso da bicicleta como principal medio de transporte para manter o distanciamento social ao concluír o confinamento.
"Voy a pedir a mis equipos de clima y de calidad del aire que lo estudien con nuestros compañeros de otros ministerios y de gobiernos locales y autonómicos", anunciou a ministra en Twitter.
A Coordinadora en defensa da Bicicleta, ConBici, á que pertence a asociación pontevedresa Pedaladas lembra que a bicicleta é un medio de transporte saudable para o propio usuario e que "permite manter con sinxeleza ese distanciamento recomendado".
Tamén é doado de efectuar a súa desinfección por que os espazos de contacto son menores que no caso do automóbil e permite ás persoas desprazamentos máis rápidos e de maior distancia que ir a pé.
Dende Pedaladas botan en falta o servizo municipal de aluguer de bicicletas PillaBici, "que sería un gran aliado para fomentar unha mobilidade moito máis sustentable e segura ante o Covid-19". Conretamente, di Pedaladas, "para os veciños de Monte Porreiro foi unha perda ese servizo que agora sería moi apreciado".
Pedaladas sinala que "o problema de desuso do PillaBici era a escasa infraestrutura de vías ciclistas, a mala calidade das propias bicicletas e a escasa implantación de estacións fóra do centro urbano".
"Agora queda demostrado que eliminar o PillaBici foi unha decisión errada, que o acertado era mellorar o servizo público de préstamo de bicicleta", conclúe o colectivo Pedaladas.