O Pazo de Quintáns recupera a súa emblemática galería
Por Redacción
As obras de rehabilitación do Pazo de Quintáns avanzan a bo ritmo. Os traballos realizados nos últimos meses permitiron recuperar xa un dos espazos máis emblemáticos do edificio, a galería acristalada de madeira coa súa cor orixinal, verde carruaxe, desde onde se pode divisar a Ría de Arousa e rematar a cuberta tanto exterior como interior do histórico inmoble. A estrutura realizada cun armazón de madeira de castiñeiro inclúe tamén a instalación dunhas táboas perforadas para mellorar a acústica das distintas estancias que conservan en gran parte os muros de pedra orixinarios.
O alcalde, Telmo Martín, realizou esta semana unha visita aos traballos acompañado do director de obra, Carlos Berride, e a concelleira de Infraestruturas e Planificación Territorial, María Deza, para supervisar o avance da rehabilitación nas dúas plantas do edificio principal. A boa marcha das obras, a pesar da paralización da actividade polo Covid 19 durante quince días, permitirá que estean concluídas durante o próximo mes de xullo.
"Estamos convencidos de que o Pazo de Quintáns será dende este mesmo verán un espazo do que sentirá orgulloso non só vos veciños de Noalla senón todo Sanxenxo. Un novo atractivo que se suma á longa lista do municipio e que demostra que somos moito máis que sol e praia", asegura o alcalde, Telmo Martín.
Outro dos grandes avances foi igualar a cota de pavimento, desigual nas distintas estancias, e que agora permitiu que o edificio sexa 100% accesible. As dúas plantas estarán comunicadas, ademais, por un ascensor acristalado que está previsto que ocupe o oco das escaleiras que conducen á planta superior que é outro dos elementos conservados e recuperados da estrutura orixinal.
Durante a obra foise descubrindo unha serie de muros de pedra de interese patrimonial e estético que se remarcaron mediante ocos no forxado de teito de planta baixa formando dobres alturas a través dos cales se remarca o contraste entre os materiais novos e a parte rehabilitada, potenciando esta última.
A obra centrarase nos próximos meses nos acabados dos chans para os que se contemplan distintos materiais. O chan da planta baixa será de granito e o da planta superior, será de madeira. Queda tamén pendente o acabado das escaleiras exteriores, a pintura e as subministracións. A iluminación será outro dos elementos coidados da obra. Xogarase coa luz para destacar determinados elementos da estrutura.
CONSERVACIÓN DA PILA E A LAREIRA
Os traballos de rehabilitación realizan dúas chiscadelas concretas á estrutura orixinal coa conservación da pila e a lareira. A canle para alimentar aos animais que comunicaba na súa orixe a parte superior, zona nobre, coa inferior na que se atopaban as cortes, seguirá lucindo tras a rehabilitación co acristalamento da pila e unha iluminación diferente que poña en valor o elemento. Tamén a lareira do pazo manterá o seu espazo xenuíno na planta alta, mesmo coa zona azulejada lateral, que existía na estrutura orixinal.
O hórreo, situado na leira de máis de 9.000 metros cadrados que rodea o Pazo, será tamén rehabilitado. Xa se desentullou o seu interior e renovou o teito con uralita que será cuberta con tella.
Tamén queda pendente a carpintería desta estrutura que data dos anos 50 e que ten unha dimensión de máis de 17 metros de lonxitude.
En todo caso, manterá a estética acorde ao edificio principal.
Relacionadas:
-
Avanza a recuperación do exterior do Pazo de Quintáns cun investimento por riba dos 600.000 euros
Por Redacción |
-
Sanxenxo converte o Pazo de Quintáns no primeiro museo da cultura gastronómica das Rías Baixas
Por Redacción |
-
Sanxenxo habilitará un estacionamento para o Pazo de Quintáns
Por Redacción |
-
O 'ferrollo' polo coronavirus frea as obras do colexio de Vilalonga, o Pazo de Quintáns e o Priorado de Arra
Por Redacción |
-
Sanxenxo propón crear un museo de cultura gastronómica no Pazo de Quintáns
Por Redacción |