Conexión a internet e equipos informáticos para escolares de Moraña sen recursos
Por Redacción
O Concello de Moraña e o Colexio Plurilingüe Integrado (CPI) Santa Lucía están a traballar para tratar de dotar de conexións a Internet e equipos informáticos a escolares sen recursos ou que carecen destes terminais tecnolóxicos co obxectivo de que poidan seguir coas súas actividades educativas tras a suspensión das clases lectivas presenciais desde o pasado 14 de marzo.
Segundo explicou a alcaldesa Luisa Piñeiro estableceron canles de colaboración co centro escolar para facilitar dalgunha maneira os nenos do municipio poidan seguir coa súa formación ben facilitándolles o acceso á tecnoloxía necesaria ou ben reforzando o servizo de impresión e entrega a domicilio das tarefas que o profesorado está a impartir a través da rede.
"Hai moitos nenos, dos máis de 400 do CPI Santa Lucía, que dispoñen de ordenadores e Internet e poden seguir con certa actividade escolar, a pesar das dificultades propias de facelo a distancia, pero tamén hai bastantes que se atopan en desvantaxe porque non contan con eles e por elo, tanto Concello como colexio, queremos corrixir este defecto e que non se vexa perxudicado o seu acceso aos contidos educativos neste último trimestre do curso", explicou a rexedora.
Aínda que a medida non está aínda completamente pechada "trataremos de dar a maior cobertura posible atendendo á situación de cada familia", avanzou Piñeiro.