A área sanitaria retira 12.965 mascarillas con deficiencias
Por Oskar Viéitez
A área sanitaria de Pontevedra e O Salnés paralizou e ordenou a retirada dos lotes de mascarillas do fabricante Garry Galaxy que foran destinadas polo Ministerio de Sanidade e que non cumpren cos criterios esixidos para a protección que regula o Instituto de Seguridad e Higiene en el Trabajo.
Nun comunicado de prensa o Servizo Galego de Saúde (Sergas) destaca que no momento que se tivo notificación por parte do Ministerio desta alerta sanitaria que detectou deficiencias nas mascarillas enviadas a Galicia polo Goberno central, paralizouse a súa distribución e o Servizo Galego de Saúde trasladou a tódalas áreas sanitarias da Comunidade Autónoma a instrucción para que se procedera tamén á retirada das que foran distribuidas.
Deste xeito, nesta área sanitaria inmobilizáronse un total de 12.965 mascarillas, que se engadiron a un lote de 82.291 xa controladas para o resto de Galicia na plataforma de distribución do Servizo Galego de Saúde emprazada na localidade de Negreira.
PROBAS DIAGNÓSTICAS
A área sanitaria de Pontevedra e O Salnés procedeu de inmediato á substitución dos seus lotes de mascarillas, á vez que comezou a realizar as probas diagnósticas necesarias para garantir a protección e seguridade dos seus profesionais.
Neste senso, fai dias iniciouse a realización de test naqueles profesionais asintomáticos que estiveron a traballar en zonas con pacientes aqueixados con Covid-19 -con independencia de que utilizasen ou non as mascarillas inmobilizadas- prestando actividade en áreas de urxencias, coidados críticos, andares de hospitalización de pacientes con coronavirus, así coma nunha residencia. O Sergas continuará esta vindeira semana efectuando test de control a este respecto.
Así mesmo, a área sanitaria de Pontevedra e O Salnés está a chequear, unidade por unidade, en función da exposición. Ista programación axustaráse ás unidades onde se utilizaron mascarillas destes lotes e, por ende, poidera existir un potencial risco.