Jacobo Moreira recorre a sentenza das dedicacións exclusivas
Por Redacción
O voceiro do PP no Concello de Pontevedra, Jacobo Moreira, recurriu ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) a sentenza pola que se confirma que o grupo municipal 'popular' teña unha soa dedicación exclusiva.
A resolución dictouna o Xulgado Contencioso Administrativo número 2 de Pontevedra e desestima o recurso presentado por Jacobo Moreira tralo acordo plenario do 23 de xullo de 2012 polo que se lles retiraron aos concelleiros populares dúas das tres dedicacións exclusivas coas que contaban ata ese momento.
Un mes despois de que se dera a coñecer, Moreira xa formalizou a presentación dun recurso de apelación ante o TSXG e sinala que desta maneira cumpre coa súa "firme intención de loitar ata o final polos dereitos" dos seus compañeiros e "contra a arbitrariedade e o cada día más evidente resentimento" que amosa o alcalde no exercicio das súas funcións.
Con independencia da decisión que finalmente adopte o Tribunal, o representante popular insiste en que o rexedor "ten que saber que nós non nos imos axeonllar ante el polos cartos, como leva intentando desde que criticamos que lle puxera un novo soldo a outro concelleiro do BNG".
Jacobo Moreira cre, ademais, "modélica" a resposta dos compoñentes do seu equipo desde hai moitos meses. "Se ben o alcalde pretendeu rebentar o noso grupo, hoxe está máis unido e traballando máis que nunca", indica o PP nun comunicado. "El xa ten ao seu redor moitos estómagos amansados, pero que non espere atopalos no PP", engade Moreira.
O recurso defende, en primeiro lugar, a posibilidade de impugnar a decisión municipal de eliminar a praza dunha traballadora (xefa de negociado) coa que contaba o Partido Popular, "posto que a sentenza nin sequera deixaba esa opción".
Ademais, sostén que o acordo plenario de retirar as dedicacións exclusivas foi "completamente arbitrario e adoptouse sen ningunha motivación formal". E sobre unha suposta relación entre a conxuntura económica e a controvertida decisión de Lores, lembra que "foi precisamente unha crítica do PP ao establecemento dun novo soldo no grupo do BNG o que provocou a vinganza do alcalde".
Neste sentido, fai fincapé no "sorprendente incremento das nóminas" no equipo de goberno desde a última etapa de Juan Luis Pedrosa de rexedor; pois daquela eran dous e agora son doce. E insiste en que a decisión "foi simplemente unha represalia contra a oposición polas súas críticas".
Por último, Jacobo Moreira tamén incide en que a moción que aprobaron BNG e PSdeG-PSOE hai un ano non fora presentada no rexistro do pleno, como é preceptivo, antes de iniciarse a sesión.
Relacionadas:
-
O TSXG devolve ao PP de Pontevedra as súas dedicacións exclusivas
Por Alejandro Espiño | Creada e actualizada
-
Moreira acusa a Lores de "cacique" e de actuar sempre cun "primario deseo de venganza"
Por Alejandro Espiño |
-
Varapau xudicial ao PP: a Xustiza non lle devolve as tres dedicacións exclusivas
Por Alejandro Espiño |
-
O xulgado pide máis información ao Concello sobre a retirada das dedicacións exclusivas ao PP
Por Alejandro Espiño |