O sindicato Traballadores da Sanidade Pública reclaman test PCR na desescalada do estado de alarma
Por Redacción
O sindicato Traballadores da Sanidade Pública remitiu un escrito á xerencia da área Sanitaria de Pontevedra e Salnés cunha serie de medidas que consideran deben aplicarse coa desescalada nas medidas do estado de alarma. Tendo en conta a experiencia que extraen da súa actividade laboral; dun lado hai pacientes asintomáticos ou pouco sintomáticos que serían un vector importante de contaxio do COVID19 e por outro, os centros hospitalarios son o principal foco de contagios.
Realizar test de forma masiva, preferiblemente PCR, para todos os traballadores de todas as categorías en todos os centros da área Sanitaria e comezando por aquelas especialidades máis expostas. No caso de que os primeiros non fosen posibles para a totalidade, que se proceda a realizar test serológicos xeneralizados, deixando os primeiros para casos sintomáticos ou pouco sintomáticos.
Demandan a realizanción deses test PCR igualmenta para todo aquel paciente que entre vía Urxencias, independentemente de idade e patoloxía, antes de quedar ingresado. Ante un previsible reinicio da actividade cirúrxica, consideran que esta proba debe realizarse entre 24 ou 48 horas antes do ingreso para confirmar que son casos negativos e o mesmo procedemento para pacientes que requiran probas diagnósticas de alto risco por manipulación vía aérea.
Disposición de máscaras e solucións hidroalcohólicas nas entradas de todos os centros de saúde e as súas respectivas salas de espera de consultas para pacientes e acompañantes. Ademais, que unha vez accedan á consulta, sexa só o paciente coas excepcións de menores, dependentes e pre parto; e que tanto uns como outros o fagan coas correspondentes máscaras. Outro engadido é que informen se presentan algunha infección respiratoria para que o persoal tome as medidas preventivas oportunas.
Finalmente reclaman que todos a traballadores da área Sanitaria de Pontevedra - Salnés dispoñan de todos os medios de protección suficientes e acorde ao risco biolóxico das súas respectivas funcións.