UGT Pontevedra pide tests quincenais para todo o persoal dos hospitais públicos
Por Redacción
A federación de servizos públicos de UGT de Pontevedra demanda que nos hospitais públicos da área sanitaria se realicen de xeito xenérico cada 15 días test PCR para detectar o coronavirus a todo o persoal.
O sindicato fai esta petición para coñecer a cantidade de sanitarios positivos, pero asintomáticos que poida haber. De ser o caso de que existan positivos nestes PCR, tamén esixen que lle fagan os test serolóxicos (IgM e IgG).
Segundo indican desde UGT, con estas medidas daríase tranquilidade ao persoal que xa superou o coronavirus e teña inmunidade, para que así poida continuar a desenvolver as funcións propias e diarias no centro de traballo.
Desde UGT aclaran que estas medidas son paralelas á dotación das medidas de prevención obrigatorias a cada un dos traballadoras, tales como máscaras FFP2, máscaras quirúrxicas, luvas ou solucións hidroalcohólicas.