Calculan que, no mellor escenario post-coronavirus, Galicia perderá un de cada dous turistas
Por Redacción
O sector turístico comezou a botar contas sobre unha campaña que, en termos económicos, ameaza con ser desastrosa. E é que, a pesar de que permanece a incógnita sobre a data na que poderán retomar a súa actividade, os números non son inspiradores.
Un informe elaborado polo Clúster de Turismo de Galicia augura que, no mellor dos casos, a comunidade perderá un de cada dous turistas. De producirse o escenario máis negativo, perderíanse dous de cada tres viaxeiros este ano.
As perdas estimadas pola patronal, contando co confinamento levántese a mediados de maio, serán duns 2.476 millóns de euros, un 3,6% do PIB galego. A chegada de viaxeiros reducirase nun 50%, con caídas superiores aos 2,5 millóns de turistas e, ademais, destruiríanse ata 32.000 empregos, un de cada catro no total do sector.
Estas previsións poderían ser mesmo máis negativas, coa perda de ata o 50% dos postos de traballo, en función da evolución da crise e os tempos que as autoridades sanitarias establezan para a recuperación da actividade turística.
O atraso na reapertura podería chegar a afectar tamén as previsións do Xacobeo 2021 co que, segundo o Clúster de Turismo de Galicia, a comunidade preparábase para recibir a uns seis millóns de turistas.
Aínda que este Ano Santo servirá, en maior ou menor medida, para contribuír á recuperación do sector, o informe do clúster sinala que a chegada de turistas, contando cun previsible rebrote do COVID-19 no outono, oscilará entre os 4,1 e os 2,9 millóns de persoas.
"Neste difícil contexto o informe debuxamos ata catro escenarios, de máis a menos positivo, para poñer negro sobre branco de que impacto económico e laboral estamos a falar sobre o turismo en Galicia", explica o presidente do clúster, Cesáreo Pardal.
Neste sentido, Pardal sinala que o peche obrigatorio de establecementos, a crise de confianza e a limitación na libre circulación de viaxeiros, "dá como consecuencia unha retracción da demanda, crise económica e cambios normativos cuxas consecuencias imos ir vendo aos poucos".
Por todo iso, o sector confía en que as diferentes administracións sexan "conscientes" do seu peso na economía e da importancia de "medir moi ben" o calendario de desescalada para "mitigar no posible" o impacto desta crise, especialmente en Galicia.
Relacionadas:
-
A Xunta prepara un plan de reactivación do turismo para as Rías Baixas con medidas de seguridade sanitaria
Por Redacción |
-
Carmela Silva, sobre os festivais de música: "Non estou disposta a que se perda nin un só en Pontevedra"
Por Oskar Viéitez |
-
O próximo maio poderase coñecer un estudo sobre o impacto do COVID19 no turismo da provincia
Por Redacción |
-
A Deputación reforzará a marca Rías Baixas como un destino turístico que dea seguridade ao visitante
Por Redacción |