Dous pacientes menos en UCI na área sanitaria, que suma 515 casos activos
Por Natalia Puga
A área sanitaria de Pontevedra e O Salnés rexistrou nas últimas horas un aumento dos casos activos de coronavirus que non se producía desde hai días. En concreto, con respecto ao luns houbo nove positivos detectados, aínda que o número total de casos tan só creceu en sete, ao rexistrarse dúas altas hospitalarias. Este martes o número de casos ascende a 515 fronte aos 508 dun día antes.
Segundo o balance oficial facilitado polo Servizo Galego de Saúde, aumentou o número total de casos, pero reduciuse a cantidade de pacientes hospitalizados e en UCI. Este martes 21 de abril hai 34 pacientes hospitalizados, un menos que o luns, aínda que os 9 que evolucionaban en UCI descenderon a sete, isto é, dous menos nun día.
Os outros 27 están hospitalizados en planta, 1 deles no Hospital do Salnés, un en QuirónSalud Miguel Domínguez e o resto no Hospital Montecelo.
Os 481 casos restantes están en domicilio e desde o inicio da pandemia, a área sanitaria prescribiu 146 altas hospitalarias, dúas na última xornada.
Desde o inicio do plan de continxencia da COVID-19 faleceron nesta área sanitaria 14 pacientes.
A nivel autonómico, a Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade informa de que, na última actualización, o número de casos activos de coronavirus en Galicia ascende a 6.416, deles 1.417 son da área da Coruña, 610 da de Lugo, 1.293 da de Ourense, 515 da de Pontevedra, 1.162 da área de Vigo, 1.063 da de Santiago, e 356 da de Ferrol.
Do total de pacientes positivos, 101 permanecen en UCI, 603 están en unidades de hospitalización e 5.712 no domicilio. Polo de agora, en Galicia rexistráronse 1.588 altas de pacientes e 464 falecementos.
O número de PCR realizadas é de 74.419 e o número de casos de coronavirus detectados en centros residenciais de servizos sociais de Galicia supoñen o 4% do total das persoas residentes. En total, contabilízanse 977 positivos en usuarios e 406 en profesionais. Faleceron 104 persoas en residencias e 100 en hospitais e residencias integradas.
A Consellería de Sanidade reitera que a cidadanía empregue o número 061 só para emerxencias ou casos graves e aconsella utilizar o número gratuíto do 900 400 116 para consultar dúbidas ou síntomas leves de coronavirus.
O Sergas ten ao dispor da cidadanía unha páxina web (https://coronavirus.sergas.es), na que se pode consultar información dirixida á poboación, aos profesionais sanitarios e a outros colectivos.