Convocan unha manifestación polo clima con luces e sombras chinesas dende as fiestras este venres 24
Por Redacción
O Movemento Galego polo Clima convoca unha manifestación de luces e sombras chinesas para este venres 24 a partir das 22.00 horas. A idea é que as persoas realicen esta iniciativa desde os balcóns e xanelas das casas para reclamar cambios nas formas de producir e de consumir, ademais de medidas para afrontar a emerxencia climática.
A Asociación pola Defensa da Ría (APDR) xunto a outras organizacións ecosociais piden á cidadanía que se some a esta orixinal fórmula de protesta dentro do Día de Acción Global polo Clima. A idea é que se proxecten mensaxes e imaxes e que despois se compartan nas redes sociais co cancelo #AcciónGlobalPoloClima.
Este movemento xurdía en setembro de 2019 con motivo da mobilización mundial realizada polo movemento xuvenil Fridays For Future e acaba de publicar un novo manifesto para chamar a atención social e que a cidadanía aprenda desta situación para reorientar as prácticas e evitar unha progresión rápida do cambio climático.
Segundo recollen no documento, a saída da crise provocada polo Covid-19 debe estar acompañada por un novo modelo socioeconómico que non pode basearse no modelo de produción, consumo e destrución da natureza que está a provocar a situación de emerxencia ecolóxica e social actual.
Previamente, o xoves 23 ás 21.30, a APDR presentará o documental 'Paraíso roubado' na canle de Youtube de Nós Televisión. Calquera persoa interesada pode acceder a este programa a través das ligazóns das web da APDR e do MGPC.