María Ramallo agarda retomar en maio a actividade política do Concello de Marín
Por Oskar Viéitez
A alcaldesa de Marín, María Ramallo informou da intención da Corporación de retomar no mes de maio, sempre coa vista posta nas recomendacións sanitarias e mantendo todas as medidas de prevención e de seguridade pertinentes, as sesións dos órganos colexiados, é dicir, das comisións informativas, da Xunta de Goberno local e dos Plenos.
No que respecta ao resto do persoal municipal, Ramallo explicou que se están a incorporar ao traballo por quendas, cun horario máis reducido e sen abrirse á atención pública. Naqueles postos onde é posible teletraballar, mantense esta modalidade laboral.
A alcaldesa convocou este mércores aos voceiros dos grupos políticos que conforman a Corporación Municipal para celebrar unha Xunta de Portavoces na que trasladarlles a situación actual do protocolo de actuación local fronte ao Covid19 nas diversas áreas. Así, participaron desta xunta o portavoz do Partido Popular, Manuel Santos; o portavoz socialista, Manuel Pazos, e a portavoz do BNG, Lucía Santos.
Como nas anteriores reunións celebradas, a alcaldesa fixo balance das medidas tomadas até o momento polo Goberno local, como as constantes labores de limpeza e desinfección, a posta en marcha da campaña de voluntariado para a confección de mascarillas ou a coordinación cos corpos de seguridade.
Ademais, Ramallo asegurou que no que respecta á dotación de material de prevención, Marín está "cuberto", grazas ao material propio, aos seis envíos recibidos da Xunta de Galicia e á campaña de confección de mascarillas. "Temos material abondo para todo o persoal dos servizos esenciais, que se organiza entre a Policía Local, as brigadas municipais, Protección Civil, o Servizo de Axuda no Fogar e o servizo de recollida de lixo", dixo.
A alcaldesa engadiu que, "en casos puntuais", tamén se realizaron entregas de material ao persoal de ambulancia, da residencia da terceira idade e ao Centro de Saúde, así como aos dependentes das Prazas de Abastos, aos taxistas ou aos membros da Cofradía de pescadores de Lourizán.
MESA DE TRABALLO POLO COMERCIO LOCAL
Unha das cuestións que adiantou a alcaldesa foi a convocatoria dunha Mesa de Traballo que se reunirá a próxima semana para abordar a situación do comercio local da vila ante a crise do coronavirus e deseñar o plan de recuperación e dinamización da economía de proximidade no que o Concello xa leva traballando nas últimas semanas. Á fronte da mesa estarán os concelleiros de Facenda e de Comercio e Turismo, Manuel Santos e Cristina Acuña, respectivamente.
SUBVENCIÓNS NOMINATIVAS
Nestes días, o Concello tamén resolveu a dotación a determinadas entidades das subvencións nominativas que recibe cada ano. Así é o caso de Estrela de Marín, a asociación de comerciantes, cuxa axuda ascende a 2.000 euros. As ONGs son as otras beneficiarias destas axudas, recibindo 5.000 euros o Comedor Social; 3.000 euros, Cáritas; 500 euros, Cáritas Santomé; 2.000 euros, SOS, e 1.500 euros, Amenac.
Relacionadas:
-
Exención de impostos e aposta pola venda online, medidas do Concello de Marín para salvar a súa economía
Por Redacción |
-
Marín suprime o pago de impostos a comercios e locais de hostalería durante o estado de alarma
Por Redacción |
-
Os nenos de Marín ademais de dar un paseo poderán recibir un diploma o vindeiro domingo
Por Redacción |
-
As farmacias de Marín xa dispoñen das primeiras máscaras confeccionadas polo voluntariado
Por Redacción |