20.000 friameiras para poñer en marcha a campaña ‘DegustaNaCasa’ en Ponte Caldelas
Por Redacción
O Concello de Ponte Caldelas pon en marcha unha campaña de apoio e promoción da hostelería do municipio baixo o nome de ‘DegustaNaCasa’.
Esta campaña consiste en que os locais de hostelería que se adhiran á iniciativa oferten menús para venda a domicilio e deste xeito, aos poucos, poder reactivar a actividade do sector.
Para promover esta campaña, o Concello comprará un lote de 20.000 friameiras que repartirá gratuitamente entre todos os negocios hosteleiros que queiran sumarse, co fin de que poidan iniciar o sistema de reparto a domicilio ou recollida no local cos menores custos posibles, dadas as actuais circunstancias.
Cada local deberá ofrecer cinco menús, dos cales un deberá ter un prezo non superior aos 6 euros. O Concello elaborará un folleto con todas as propostas culinarias e cos teléfonos de contacto para que os veciños interesados fagan os pedidos directamente ao establecemento. Este folleto repartirase en todos os domicilios do municipio. Ademais, o Concello de Ponte Caldelas porá en marcha unha campaña publicitaria a través das redes sociais e dos medios de comunicación da provincia de Pontevedra.
"Esta proposta é unha boa alternativa para que todos sigamos comendo os pratos dos grandes cociñeiros que temos en Ponte Caldelas e, ao mesmo tempo, esteamos poñendo en práctica unha acción solidaria que garanta o mantemento dos negocios locais", indica o alcalde Andrés Díaz.
Relacionadas:
-
Comeza "DegustaNaCasa", a campaña de apoio á hostalería local de Ponte Caldelas
Por Redacción |
-
Ponte Caldelas seguirá dotando de máscaras lavables á súa poboación
Por Redacción |
-
Escolares de Ponte Caldelas recibiron xa medio cento de tarefas a domicilio
Por Redacción |
-
Ponte Caldelas paga 13.600 euros a autónomos e pemes coas súas axudas directas
Por Redacción |