Ence compra 30.000 mascarillas á empresa Albino González
Por Redacción
Ence comprou á empresa Albino González 30.000 mascarillas confeccionadas con tea homologada TNT (téxtil non tecido), de acordo á guía técnica do Ministerio de Industria.
Este pequeno negocio situado en Mourente reinventouse para subsistir ante a situación actual. Tras 50 anos adicándose á sastrería de cabaleiro coa marca Confecciones Story, Albino González comezou a coser mascarillas, batas, pixamas hospitalarios, entre outros artigos.
Segundo explica a súa propietaria, Silvia González, "se non chegamos a adaptarnos, a empresa bota o peche definitivo en menos dun mes, deixando sen emprego a 11 traballadores".
A situación actual provocou que miles de empresas se viran obrigadas a cesar a súa actividade durante o confinamento, o que podería desembocar, en moitos casos, no peche definitivo dos negocios. Neste contexto, o pequeno comercio foi o máis castigado pola emerxencia sanitaria.
Segundo calcula CEPYME (Confederación Española da Pequena e Mediana Empresa), en torno ao 60% das PEMES atópanse en situación de risco en España, o que supón ao redor de 300.000 empregos. De feito, só na comarca de Pontevedra, o paro aumentou máis dun 4%, sumando un total de 13.037 desempregados, dos cales preto de 5.800 pertencen á cidade do Lérez.
Dende a dirección da fábrica de Ence sinalan que esta compra de mascarillas a un comercio local mostran "o firme compromiso da empresa pola súa contorna".
Neste sentido compre lembrar a doazón que fixo Ence de 24 toneladas de material sanitario, rolos de papel hixiénico e papel secamáns, producidos a partir de celulosa, aos hospitais públicos Montecelo e Provincial da cidade de Pontevedra.
Relacionadas:
-
Ence declara perdas de 42 millóns de euros no que vai de 2020
Por Redacción |
-
A fábrica de Ence en Lourizán contratará a 16 titulados en segundo ciclo de FP
Por Oskar Viéitez |
-
Ence pecha o primeiro trimestre con 12 millóns de euros de perdas
Por Redacción |
-
A estratexia verde da UE para a recuperación tralo coronavirus chega á industria pontevedresa
Por Redacción |
-
Ence e Kartogroup doan 24 toneladas de material sanitario a centros hospitalarios de Pontevedra
Por Redacción |
-
Ence: Produtos hixiénicos e sanitarios básicos fabricados con celulosa
Por Noticia patrocinada |