A calidade do aire na Boa Vila "mellorou significativamente" grazas ao descenso do tráfico
Por Oskar Viéitez
Segundo os datos rexistrados pola estacións da rede de observación da Xunta a calidade do aire en Galicia "mellorou significativamente" grazas ao descenso do tráfico nas cidades e vilas.
A conselleira de Medio Ambiente, Ángeles Vázquez, mantivo este xoves unha reunión por videoconferencia con técnicos de Meteogalicia para analizar a incidencia do crise sanitaria da Covid-19 na calidade do aire de Galicia.
Á vista dos datos rexistrados observáronse descensos moi importantes en todos os parámetros avaliados nas estacións da rede de calidade do aire, especialmente nos derivados do tráfico, o Dióxido de nitróxeno (NO 2), e as partículas.
Así, para o período 1-13 de marzo os datos son os habituais na Boa Vila; mentres que entre o 14-28 de marzo, primeiras semanas do Estado de alarma, observase un importante descenso, chegando a un 29% en Pontevedra.
Durante o endurecemento das condicións do Estado de alarma (entre o 28 de marzo e o 13 de abril) os valores manteñen a baixada; polo que os niveis de NO 2 na cidade do Lérez nos días festivos do mes de abril caen ata o mínimo rexistrado ata o momento.
Comparando os datos obtidos na segunda fase do Estado de alarma coa primeira quincena de marzo (período no que non estaba en vigor o Estado de alarma), se observa unha redución na concentración de NO 2 dun 51% en Pontevedra.
Por outra banda, no caso das partículas en suspensión, por exemplo as PM10, estas poden ter orixe natural (debido a procesos climatolóxicos, como a chegada de po sahariano) ou antropoxénica (propio de procesos de combustión e do trafico rodado). Nese sentido, a xornada do 27 de marzo é un día no que se observa unha diminución da concentración de PM10, efecto da redución do tráfico rodado provocado polo estado de alarma, xa que a intrusión de po sahariano (que afectou á Comunidade nas primeira semana do Estado de alarma) deixou de ter efectos.