Cando cansas de ver Netflix e decides pintar a vivenda en tempos de confinamento
Por Anxo Lourido
Alba e Efren é unha parella que reside nunha casa grande de dous pisos en Vilalonga, no municipio de Sanxenxo. Pasada a primeira fin de semana de confinamento, decidiron coller pinceis, rodete e mercar pintura para dar unha nova imaxe ao interior da vivenda.
Alba é profesora de educación infantil e Efrén é autónomo, ten unha empresa de pneumáticos. Ningún dos dous tiña moita idea de como pintar pero con moita paciencia e entusiasmo decidiron realizar unha actividade máis produtiva que sentar fronte ao televisor e puxéronse ao choio.
"Tiñamos ganas de pintar a casa, pero por falta de tempo o vas deixando. E agora, como non tiñamos moito que facer... converteuse no noso pasatempo", afirma Alba Pérez Sieira, que recoñece que ao principio, antes de que pechasen todos os establecementos para adquirir o material necesario para o pintado, resultou fácil facerse co esencial para iniciar os traballos.
"Despois xa non. Tivemos que pedir favores, fixemos chamadas a diferentes sitios, vendo onde había determinadas cousas, buscando por internet. Tamén compramos mobles. Foi complicado a partir do momento en que estaba todo pechado", indica.
E é que Alba e Efrén comezaron coa idea de pintar pero, unha vez postos en faena, decidiron tamén instalar tarima flotante na vivenda. Para dous neófitos no ámbito da reparación e rehabilitación dun fogar, a tarefa antollábase complicada, pero Alba explica que recorreu á súa familia: "Temos moita sorte, porque teño un padriño e unha familia con carpintería e por vídeochamada foron axudando, dicindo como poñer todo", admite indicando que Efrén tamén é unha persoa que entende unha chea e que é hábil neste tipo de tarefas.
"Está a quedar ben" indica Alba con orgullo, "xa temos case todo acabado. O problema é que comezamos con moita ganas porque non tiñamos nada que facer e estabamos entretidos. E agora, que está a medio facer, empeza a custar. Cada vez custa máis". Aínda así chancea e xa alerta de que no caso de que o estado de alarma prolónguese estudarán novos proxectos: "temos unha piscina pequena, pois haberá que facela máis grande", chancea.
O pintado interior das vivendas converteuse en algo frecuente durante este confinamento. Alberto Gómez, director técnico de Dispaint Pintunova Galicia, sinala que aproximadamente se incrementou a venda de pintura para particulares en máis dun 50% respecto a meses anteriores, segundo os datos que manexan polos establecementos aos que aportan a pintura e polas conversacións que manteñen con outras empresas da competencia.
Este notable aumento obsérvase principalmente en persoas que residen en zonas rurais ou semi rurais. Alberto Gómez explica que a operación de organizar o mobiliario nun piso resulta máis complicado para levar a cabo o traballo de pintado. Unha situación que cambia nas casas unifamiliares onde normalmente hai máis espazo.
Ademais, sinala que tamén se realizan outro tipo de traballos menores como pintado de enreixados, portas e peches, e outras actividades que requiran material de ferraxería. Neste sentido sinala que estes pequenos establecementos realizaron nos dous últimos meses o mesmo número de pedidos de material que o realizado durante todo o 2019 debido á demanda de particulares.
Alberto Gómez, director técnico de Dispaint Pintunova Galicia: "a xente está na casa e pensa: que fago? limpo catro veces ao día, Netflix xa o teño achicharrado... E finalmente di: vou pintar porque para pintar nunca teño tempo"
"Ao final trátase diso, de aproveitar o tempo", indica o representante de Dispaint Pintunova Galicia, "recibimos chamadas de toda Galicia pedindo pinturas normais e pinturas dos efectos xiz, lousa, magnético... que as revistas de decoración se encargan de poñer de moda. E é porque a xente está na casa e pensa:que fago? limpo catro veces ao día, Netflix xa o teño achicharrado... E finalmente di: vou pintar porque para pintar nunca teño tempo".
Pablo Tomei, veciño de Pontevedra, tamén decidira pintar unha escaleira e quedou sorprendido, cando se atopou antes do inicio da corentena, con colas de persoas que agardaban a súa quenda para adquirir botes de pintura nun establecemento da capital no que dicían que "nunca venderan tanto".
"Hai que aproveitar o tirón, porque despois ninguén vai querer pintar", afirma Alberto Gómez, sinalando que tras o confinamento, baixarán estas vendas a particulares, á espera de que os profesionais que agora reduciron ao mínimo as súas adquisicións recuperen a súa actividade habitual: "terán que realizar fachadas e todo aquilo no que se necesiten disolventes ou realizar mesturas. Aí o pintor profesional seguirá tendo traballo", vaticina á espera de que a normalidade retorne pronto.