Minuto de silencio polas vítimas do coronavirus no primeiro pleno telemático da Deputación
Por Redacción
Cun emotivo minuto de silencio por todas as vítimas mortais que a pandemia do coronavirus deixou no noso país. Así comezou o primeiro pleno telemático que celebra a Deputación de Pontevedra na súa historia, medida adoptada ante o confinamento decretado en España.
Foi despois dunha intervención da presidenta provincial, Carmela Silva, na que mostrou o pesar da corporación polas persoas falecidas e trasladou "enerxía e o desexo de mellora" ás que están enfermas. Ademais, fixo un recoñecemento a todas as persoas como o persoal sanitario, que desde os seus traballos "nos está a coidar a todas e a todos".
Con respecto á xestión da crise sanitaria, Silva avanzou que convocará aos alcaldes e alcaldesas da provincia para avaliar cos concellos a situación que están a vivir e as consecuencias da crise sanitaria xerada pola COVID-19.
O vindeiro mércores 29 de abril manterá unha primeira reunión cos 52 concellos de menos de 20.000 habitantes. Haberá un segundo encontro en próximos días co resto dos municipios.
En total, a Deputación adoptou máis de 180 medidas adoptadas nestes 40 días de confinamento, destinadas aos concellos, ás empresas, á cidadanía e aos sectores produtivos, sociais, culturais e deportivos da provincia.
A presidenta, ademais, celebrou as mostras de unidade que houbo na corporación. "Non coincidiremos en todo, pero quero agradecer e destacar a súa altura de miras que me emociona", sinalou Carmela Silva con respecto ao grupo da oposición, o Partido Popular.
E é que todos os puntos da orde do día foron aprobados por unanimidade, entre eles a nova medida que a Deputación destina a familias e empresas, o pago fraccionado dos tributos "case a carta", un novo servizo ao través do ORAL para facilitar o fraccionamento personalizado, sen xuros, do pago das cotas do IBI, o IAE e o IVTM, unha vez se domicilien os abonos.
O pleno tamén aprobou a modificación das bases do Plan de Remodelación e Mellora da Seguridade dos Viarios Municipais (DepoRemse) pola que se prorroga o prazo para o remate das 31 obras previstas nos concellos, cun montante total de 11 millóns de euros.
O acordo, que permite un respiro importante aos concellos, consiste nunha prórroga de 11 meses, polo que se amplía ata o 31 de maio de 2021.
O voceiro do grupo provincial do Partido Popular, Jorge Cubela, sinalou que todos os cidadáns e as institucións "temos na nosa man frear esta pandemia" e reiterou o compromiso "como grupo e como partido na loita contra a traxedia".
Nesta liña, recordou que o PP ofreceu desde o primeiro momento un "apoio absoluto" á toma de decisións na Deputación porque "as persoas, e non os intereses partidistas, son o importante nestes momentos".
"Igual non estamos de acordo con todo, poderíamos ter criticadas moitas cousas, pero desde logo entendemos que agora non hai outro escenario que a unidade", destacou Cubela, que engadiu que a Deputación "ten moito que ofrecer na loita contra esta pandemia".
Pola súa banda, o vicepresidente César Mosquera considerou "fundamental" seguir o principio de solidariedade e subliñou que, ante a ausencia de material, é preciso repartir os medios dos que se dispón segundo as prioridades, ademais de non crear expectativas de que os que non teñen competencias vaian resolver ningunha situación, xa que iso, dixo, pode levar ao "caos".
Destacou ademais que o traballo e a toma de decisións da institución provincial dependerán da evolución da crise sanitaria, xa que a día de hoxe aínda se descoñece se a Deputación vai ter máis ou menos fondos para este exercicio.
"Non sabemos se nos van restar fondos dos anticipos do Estado ou haberá fondos extraordinarios", recalcou, para engadir que haberá que ser prudentes nas decisión para non ter "resultados contraditorios" e non comprometer a capacidade da Deputación.
Relacionadas:
-
A Deputación axiliza os pagos das subvencións a asociacións e ONG en apoio aos máis vulnerables
Por Redacción |
-
Petición da Deputación á Xunta de 200.000 máscaras para repartir entre menores
Por Redacción |
-
A Deputación propón facer test de coronavirus en empresas con máis de cen traballadores
Por Redacción |
-
Carmela Silva, sobre os festivais de música: "Non estou disposta a que se perda nin un só en Pontevedra"
Por Oskar Viéitez |