Deberes a domicilio para os maiores de Cuntis: "Creme se che digo que as fichas para cubrir me deron a vida"
Por María José Pita
Dolores Fernández, aos seus 76 anos, desborda unha enerxía que nin as catro operacións ("a última, da garganta, crin que non o contaba"), nin os moitos anos de vida laboral ("traballando no hotel [Balneario de Cuntis], en baños e masaxes, limpando un banco, bordaba... de todo, facía de todo") pensaba que a deterían.
Ata que chegou o estado de alarma e o confinamento obrigado. Como tantas persoas do rural, a horta era a súa válvula de escape. Pero a primavera quixo comezar con tempo inestable. "Os primeiros días de corentena que choveu dicíalle ao meu marido: ‘que vou facer eu agora?’ Farteime de ganchillar, bordar, vainicas... Creme se che digo que as fichas do taller de memoria me deron a vida".
Dolores é unha das usuarias que cada semana acudía puntual ao Taller de Estimulación Cognitiva, que é así como se denomina tecnicamente o taller de memoria organizado polo Concello de Cuntis. "Participo desde que empezou, non che podo dicir xusto o ano pero fai moito, moito tempo". Con todos os obradoiros cancelados pola ameaza do coronavirus, para Dolores foi unha grande alegría recibir no seu domicilio as fichas para traballar a axilidade mental desde casa: "tanto que lle dixen ao meu marido, vou repartilas para que me duren moito, e propúxenme facer non máis de tres folliñas cada día; mesmo cando fun á compra, que vou de oito en oito días, compreime un sudoku de 100 páxinas para non perder o ritmo".
A idea de repartir as tarefas porta a porta xurdía dun modo casual, como nos comenta Miguel Couto, o xefe da Agrupación de Protección Civil e Emerxencias de Cuntis. "Primeiro fomos levando os deberes aos estudantes e, cando os entregabamos nas casas, vimos ou nos contaban os familiares, que os maiores estaban moi enganchados á televisión porque perderan a rutina de ir ás actividades fóra da casa".
Esta situación chegou a coñecemento dos servizos sociais do Concello. Aínda que xa se estaba estudando a maneira de dar continuidade ás actividades municipais a distancia, déuselle prioridade a este caso. A traballadora social, Susana Gómez, axiña empezou a chamar un por un a cada usuario, na súa maioría mulleres, dos talleres de memoria que foran interrompidos.
A pesar da complexidade de organizar a todos os usuarios, preto de 90, o sistema está a desenvolverse dun xeito totalmente coordinado. Desde o Departamento de Cultura e Servizos Sociais prepáranse os cartafoles coas fichas de traballo e, os venres pola tarde, os membros de Protección Civil fan a repartición a domicilio aos alumnos, con material suficiente para quince días. Ademais, "coa nova tarefa vai engadida a resolución dos exercicios que van rematando", engade Miguel Couto.
O éxito da iniciativa non só está na satisfacción dos usuarios habituais do taller de memoria se non no feito de que se incorporasen novos alumnos durante este tempo de confinamento. "Nalgúns casos chamaba un familiar para pedirnos para a nai, por exemplo, para que se puidera unir ao programa e poder ter actividades para facer estes días na casa", apunta Susana Gómez, a traballadora social do Concello.
Desde os servizos sociais, Gómez tamén se refire á gran dispersión poboacional do municipio, que se traduce en que, antes do estado de alarma, estivesen activos nada menos que once talleres de memoria en diferentes lugares. De aí o excepcional desta repartición, que se realiza tanto polo "centro urbano, como por Mesego, Estacas, San Mamede, Cequeril, Sebil, Troáns, Magán, Arcos, Couselo e Teaño".
Esta semana comeza a segunda entrega das tarefas de memoria, que virá acompañada dun detalle para os alumnos, adiántanos a traballadora social. "Co novo material lles imos levar outras fichas con exercicios básicos para fortalecer a masa muscular, evitar contracturas... que veñen en fotos e moi ben explicados para que a xente tamén exercite un pouco o corpo e mellore o seu estado físico".
Como Dolores Fernández, a alumna coa que empezabamos esta reportaxe, non recibira as tarefas cando conversamos por teléfono, permitímonos desvelarlle a sorpresa. "Pois me dás unha alegría porque eu tamén ía a ximnasia de mantemento os martes e venres e despois de comer todos os días saía co meu marido para camiñar hora e media e agora non se pode". O seu testemuño é a mellor proba de que as actividades de envellecemento activo a domicilio son efectivas.
Relacionadas:
-
Novo vehículo para Protección Civil de Cuntis
Por Redacción |
-
Cuntis investiu este ano 105.000 euros en programas educativos e axudas ao estudo
Por Redacción |
-
Cuntis proporciona axudas municipais de emerxencia social a 40 familias
Por Redacción |
-
Cuntis usa unha rede propia de comunicacións para coordinar os servizos de emerxencias
Por Redacción |
-
Cuntis reforzará os controis tras detectar "certa relaxación" e conductas "inadecuadas"
Por Redacción |
-
Cuntis apoia os escolares durante o confinamento e imprime a domicilio deberes, apuntes e traballos escolares
Por Redacción |
-
Cuntis reinicia as actividades para promover o envellecemento activo
Por Redacción |