A UCI do Hospital Montecelo, pechada por obras durante unha semana
Por Natalia Puga
As instalacións habituais da Unidade de Coidados Intensivos (UCI) do Hospital Montecelo permanecen pechadas por obras desde o pasado mércores 22 de abril e seguirán así, segundo confirmaron fontes oficiais da xerencia do hospital, ata mediados da próxima semana.
As autoridades xustifican que é o mellor momento para estas obras porque están habilitados como UCI outras áreas do centro hospitalario, pero a medida xerou unha forte crítica por parte dos traballadores.
Así, o persoal da UCI de Montecelo emitiu un comunicado no que critica que esta zona totalmente equipada con dez camas pechou "en plena crise sanitaria asistencial".
Os traballadores lembran que durante esta pandemia, a falta deste tipo de instalacións provocou a modificación doutras unidades análogas dentro do propio complexo hospitalario como foron a REA e a URPA; a creación de novas unidades de similares características dentro do mesmo Hospital como foi a CMA, e mesmo o traslado de pacientes a outras unidades de UCI de xestión privada como as do Hospital Quirónsalud Miguel Domínguez.
Critican, ademais, que a xerencia decidise "de forma unilateral" que era o momento óptimo para a realización de obras de mantemento, "sen concretar o alcance nin os prazos de realización das mesmas" e que esta forma de actuar non respecta as normas do plan específico de continxencia fronte ao coronavirus redactado polo Servizo Galego de Saúde para a área sanitaria de Pontevedra e O Salnés.
Os cinco pacientes con coronavirus que permanecen en UCI en Montecelo foron trasladados á unidade de REA, destinada a pacientes despois das cirurxías, e que se tivo que habilitar como a nova UCI. Esta decisión produciu unha "enorme indignación e descontento" entre o persoal de enfermería da unidade, pois foron os primeiros profesionais en recibir aos pacientes con COVID-19 críticos, tendo así que aprender a correcta utilización e retirada dos EPIS.
Os traballadores indican que, despois de todo o esforzo, tanto físico como psicolóxico, do persoal de enfermería de coidados intensivos agora "sente desamparado" e á espera de que a dirección decida onde deben traballar os seguintes días, ata a nova reapertura do seu servizo habitual.
Fontes de Dirección explicaron que se tomou a decisión de facer as obras "ao descender considerablemente a actividade na área de UCI". Trátase dunha actuación para incorporar dous boxes de illamento, dado que ata o de agora todas as camas de atención a críticos estaban distribuídas no mesmo espazo desa unidade e tamén se aproveitará para outras "pequenas melloras" como pintar, renovar as luminarias e efectuar unha limpeza de condutos e instalacións, xa que "hai moi poucos momentos no ano para poder executar melloras deste calado na unidade".
Estas fontes aseguran que a mediados desta próxima semana estará rehabilitada e mellorada a unidade, "como reforzo por se se producise unha segunda onda de contaxios por coronavirus ou outros microorganismos" e xustifican que, en condicións normais, hai que atender patoloxías por accidentes de diversa índole, así como asumir unha maior afluencia a Urxencias, circunstancias que condicionan a ocupación de camas de críticos e impiden executar melloras neste tipo de unidades.
Ademais, aseguran que dado que na actual época baixaron de forma considerable as urxencias e os accidentes de tráfico, así como as intervencións cirúrxicas, "a área de Reanimación achega cobertura asistencial con total garantía e dispoñibilidade".
A dirección lembra que chegaron a atender a 21 pacientes críticos con coronavirus ingresados e na actualidade hai cinco e garante que a área sanitaria dispón de camas suficientes para atender aos posibles pacientes críticos que puidesen requirilas ata o remate da obra.
Relacionadas:
-
Pechan a área de Reanimación do Hospital Montecelo durante dúas semanas para obras de mellora
Por Redacción |
-
Operativa a nova UCI de Montecelo para enfrontar unha hipotética segunda onda de contaxio por coronavirus
Por María José Pita |
-
Estabilidade nos pacientes hospitalizados mentres os casos activos seguen crecendo ata 550
Por Natalia Puga |