O PP propón crear unha plataforma para a distribución de produtos con selo pontevedrés para apoiar o comercio local
Por Redacción
O grupo municipal do PP de Pontevedra remitiu un escrito ao Concello no que propón a creación dunha plataforma de venda de produtos locais liderada pola administración local para a "distribución de produtos con selo pontevedrés".
Os 'populares' apostan por esta medida para que Pontevedra se adiante ás restricións que xerará a crise do coronavirus e se adapte ao que a sociedade demanda no 2020.
O presidente do Partido Popular de Pontevedra, Rafa Domínguez, explicou que a súa proposta pasa por habilitar un centro loxístico que funcione como almacén destes bens e desde onde se coordine a repartición de produtos fabricados e ofertados en Pontevedra
Rafa Domínguez explica que a rede de distribución que propón tamén permite que se somen aqueles comercios locais que queiran realizar repartición desde os seus establecementos a domicilios da cidade do Lérez, ao estilo de servizos como Deliveroo ou Glovo, pero só con produtos da cidade.
"Trátase dunha aposta en aras de fortalecer e facilitar a compra de produtos con selo pontevedrés e adaptar o noso tecido comercial ás novas tendencias de consumo", explicou Domínguez, que cre que compartir os gastos loxísticos entre os integrantes da plataforma fortalecerá e fará máis competitivos aos comerciantes e empresas pontevedresas.
A proposta do PP pasa por sacar a concurso público a xestión e repartición e xa se compartiu coa Asociación de Hostaleiros Empresarios de Pontevedra.
Esta non é a primeira moción de apoio ao comercio local do PP. Así, o concelleiro Pablo Fernández xa instou ao Concello a crear unha marca para identificar o comercio local e o grupo municipal xa presentou unha moción na que solicitan a exención aos sectores afectados de todos os impostos e taxas municipais desde a declaración do estado de alarma.