Preparan o Paseo da Calzada para os menores: sen tráfico e con dispensadores de xel
Por Redacción
O paseo da Calzada de Ponte Caldelas, a carón do río Verdugo, está preparado para que os menores do municipio poidan utilizalo a partir deste domingo con motivo das saídas autorizadas polo Goberno para que poidan xogar e pasear ao aire libre durante unha hora acompañados por un adulto a unha distancia non superior a un quilómetro dos seus domicilios.
O Concello pechou ao tráfico a estrada do río para que os nenos e o adulto que os acompaña "poidan camiñar, saltar, correr e xogar cos seus xoguetes", mantendo as distancias de seguridade recomendadas e sen ter que estar pendentes do paso de vehículos co medo a un posible atropelo.
A maiores, realizouse unha desinfección deste espazo que se irá repetindo e o Concello colocou dous dispensadores de xel antiséptico para que todas as persoas empreguen antes do paseo e ao remate do mesmo. Trátase dunha medida de hixiene que debe sumarse tamén á de lavar moi ben as mans antes de saír da casa e unha vez de volta.
O alcalde, Andrés Diaz, explicou que os nenos levan seis semanas pechados nos seus fogares, "son os verdadeiros heroes desta pandemia" e agora que poden saír "merecen ter un espazo amplo á súa total disposición".
"Os do rural poden camiñar polo monte e para os da vila poñemos á súa total disposición o paseo da Calzada", explica. Trátase dun espazo a carón do río Verdugo de 700 metros de lonxitude, afastado da zona comercial e onde poden manter as distancias de seguridade recomendadas.