A Xunta flexibiliza as condicións para facer obras interiores nos edificios ocupados
Por Oskar Viéitez
O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda presidiu este sábado a sétima reunión do Centro de Coordinación Operativa (Cecop), onde se acordaron os criterios de interpretación que clarifican as posibilidades de actuación en obras en interior dos edificios ocupados.
Esta decisión adoptouse para atender a demanda dos sectores profesionais afectados –uns 20.000 autónomos en Galicia- pola orde ministerial do 12 de abril, que recolle a prohibición de realizar obras en edificios ocupados, agás obras puntuais de reparacións urxentes ou nas que se poida garantir que non se producen interferencias entre os usuarios e os residentes.
Así, seguindo os criterios de interpretación da Cecop, poderán realizarse, sempre adoptando as medidas de prevención e protección da saúde establecidas, traballos e obras puntuais que teñan como obxectivo realizar reparacións urxentes de instalacións ou avarías, tanto en espazos ou elementos comúns do edificio, como nos elementos privativos do mesmo.
Tamén se consideran reparacións urxentes as obras xa iniciadas que se viron afectadas pola paralización derivada das medidas do estado de alarma reforzado.
É o caso da instalación, substitución ou reparación de ascensores, de obras para garantir a accesibilidade ou da reparación ou remodelación do interior de vivendas ocupadas na que o estado actual da intervención afecte de modo significativo ás condicións de habitabilidade.
No caso das vivendas unifamiliares, poderán realizarse intervencións sempre que se garanta que a execución das obras, movemento de obreiros e transporte de materiais se realizan por espazos exteriores ou por espazos interiores que serán utilizados en exclusiva polos operarios, sen interferencia cos ocupantes das vivendas.
Relacionadas:
-
Permitido o desprazamento a hortas de autoconsumo no concello de residencia
Por Oskar Viéitez |
-
‘Hostalería segura’, o distintivo que acreditará os locais que cumpran coas medidas de seguridade fronte ao Covid-19
Por Redacción |
-
Feijóo dá por superada a fase aguda da crise e pide levantar restricións por territorios
Por Oskar Viéitez |