Emendan unha vertedura no polígono industrial de Tremoedo, en Vilanova
Por Redacción
A Xunta, a través de Augas de Galicia, forzou a emenda estes días un punto de vertedura ao dominio público hidráulico detectado na rede de pluviais de Vilanova de Arousa, concretamente no polígono industrial de Tremoedo.
As actuacións iniciáronse coa detección do punto de vertedura no transcurso dos labores rutineiros de inspección que o persoal do Plan de Control de Verteduras do organismo dependente da Consellería de Infraestruturas leva a cabo na rede fluvial do municipio.
Os técnicos tomaron mostras no punto de vertedura e os resultados das análises permitiron constatar a existencia de achegas contaminantes asociadas a unha actividade asentada na zona industrial, segundo informa a administración autonómica.
Esta deficiencia detectada atopábase no entroncamento á rede municipal de saneamento dos aseos, así como unha conexión irregular á rede de recollida interna de pluviais da actividade, que descarga á rede de pluviais do polígono.
Ante as evidencias, Augas de Galicia requiriu ao titular para que levase a cabo as accións correctoras oportunas, e nunha nova inspección os técnicos puideron comprobar que se emendou a achega de contaminantes procedentes desta actividade industrial.