A Deputación lanza un programa destinado ao comercio minorista que queira poñer en marcha a sua actividade na internet
Por Redacción
A Deputación de Pontevedra lanza un novo programa de aceleración de empresas dentro da rede SmartPeme, que nesta ocasión estará enfocada ao comercio minorista da provincia. Son negocios que, afectados pola Covid19, desexen reorientar ou poñer en marcha a súa actividade online.
Esta nova aceleradora está dirixida ás persoas cuxos proxectos empresariais estean ligados a este sector ou a unha actividade vinculada ao mesmo en fase temperá de desenvolvemento ou cun alto potencial de desenvolvemento.
O prazo para a presentación de solicitudes comezará o próximo luns 27 de abril e finalizará o venres 8 de maio ás 15:00 horas. A súa tramitación deberá ser realizada a través do formulario situado na web de SmartPeme.
As candidaturas valoraranse segundo o seu grado de innovación, unha memoria do proxecto e o perfil das persoas participantes. Atendendo a estes criterios seleccionaranse un máximo de dez proxectos para participar no programa.
O comercio ao por menor representa ao redor dun 13% das empresas rexistradas na provincia de Pontevedra, segundo datos do Instituto Galego de Estadística, sendo o sector no que se aglutinan máis empresas da provincia. Tamén é o que ten maior representación nas actividades do proxecto SmartPeme, que de entre as súas 2.700 empresas rexistradas conta con 580 pertencentes ao comercio minorista.
As actividades do programa de aceleración, que se levarán a cabo entre o 25 de maio e o 30 de setembro, inclúen sesións de titoría e actividades de capacitación. Nas titorías establecerase unha folla de ruta para cada persoa participante e realizaranse sesións de traballo con persoas expertas en tecnoloxía, imaxe dixital e competitividade para empresas.
No que respecta ás actividades de capacitación propóñense distintos obradoiros e guiarase aos participantes no uso de tendas online, pasarelas de pago e venta de produtos a través de redes sociais. Estas actividades impartiranse presencial ou telematicamente dependendo de como evolucione a situación actual de crise sanitaria.