O Concello agradece aos veciños da Boa Vila por ser "moi responsables" na saída dos nenos
Por Oskar Viéitez
O Concello de Pontevedra destacou este luns o comportamento "cívico e responsable" dos adultos que saíron á rúa na xornada do domingo para que os cativos puideran gozar dunha hora ao aire libre.
A concelleira de Protección Cidadá, Eva Vilaverde explicou que segundo as impresións que lle facilita a Policía Local "parecía un día de Reis" polo número de nenos na rúa e quixo "trasladar o agradecemento á veciñanza de Pontevedra por ser moi responsables e por actuar con prudencia na xornada de onte".
As horas de maior afluencia foron entre as 11 e as 13 horas, xa pola tarde a presenza de nenos caeu de xeito importante. A Policía rexistrou presenza de cativos en todas as rúas da cidade e tamén en parques como na Illa das Esculturas ou o de Tafisa.
"A configuración da cidade e o seu modelo favoreceu que se puidese facer dunha maneira máis distendida", asegurou Eva Vilaverde.
Non se rexistrou ningunha denuncia, agás algunha advertencia a algún pai ou nai que saían en parella acompañando aos seus fillos, cando a norma indica que só pode saír un en compañía dos nenos e nenas. En xeral, cumprían as normas de sanidade: distancia social, ían separados pola rúa.
BALANCE POLICIAL
Ao respecto dos balance policial, Eva Vilaverde informou de que do 14 de marzo ao 22 de abril rexistráronse 393 denuncias, das cales o 75% eran de homes e o 25% de mulleres. Tamén se contabilizou un 27% de persoas reincidentes (38), e só se rexistraron dúas dilixencias xudiciais tramitadas a unha única persoa.
O número total de solicitudes de recollida de lixo porta a porta de doentes até o de agora foron 32 casos, dos cales 14 están activos, 11 foron dados de alta por negativos e 13 están no rural.
A Policía Local recibiu 5.206 chamadas dende a entrada en vigor do Estado de alarma, das cales 3.471 foron solicitando información en relación ao Covid, e o resto por cuestións ordinarias da Policía.
Relacionadas:
-
Un control dunha hora en Benito Corbal detecta oito persoas que se saltaron o confinamento
Por Natalia Puga |
-
Dispáranse os pedidos a domicilio de pizzas familiares e menús infantís no ‘domingo dos nenos’
Por María José Pita |
-
Pontevedra volve ser a cidade dos nenos
Por Oskar Viéitez & Diego Torrado |