Tres novas altas e un paciente menos en UCI por coronavirus na área sanitaria
Por Natalia Puga
A área sanitaria de Pontevedra e O Salnés rexistrou nas últimas horas un novo incremento do número de positivos por coronavirus. Despois de que este luns apenas aumentasen cun caso activo máis que o domingo, este martes volveron a crecer con sete casos máis en 24 horas. A cara positiva da xornada sitúase nos hospitais, pois se reduciu o número de pacientes en UCI e prescribíronse tres altas.
Segundo a información oficial facilitada, este martes 28 hai 576 casos casos activos fronte aos 569 do luns, dos que 549 son pacientes que evolucionan nos seus domicilios e 27 están hospitalizados.
En concreto. na área sanitaria de Pontevedra e O Salnés hai 23 hospitalizados en planta, 2 deles no Hospital do Salnés e un en QuirónSalud Miguel Domínguez, e catro están en UCI. O número de pacientes en planta é o mesmo que o luns, pero en UCI hai un menos.
Desde o inicio do plan de continxencia da COVID-19 faleceron nesta área sanitaria 15 pacientes e prescribíronse 161 altas hospitalarias, un incremento de 3 con respecto ao luns.
Segundo a información facilitada pola Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade, a nivel autonómico, este martes o número de casos activos de coronavirus en Galicia ascende a 6.947. Deles, 1.667 son da área da Coruña, 675 da de Lugo, 1.325 da de Ourense, 576 da de Pontevedra, 1.236 da área de Vigo, 1.061 da de Santiago, e 407 da de Ferrol.
Do total de pacientes positivos, 73 permanecen en UCI, 495 están en unidades de hospitalización e 6.379 no domicilio. Polo de agora, en Galicia rexistráronse 1.841 altas de pacientes e 540 falecementos.
O número de PCR realizadas é de 90.000 e o número de casos de coronavirus detectados en centros residenciais de servizos sociais de Galicia supoñen o 3,5% do total das persoas residentes. Hai 861 usuarios e 342 profesionais positivos e rexistráronse 128 mortes en residencias e 119 en hospitais e residencias integradas.
A Consellería de Sanidade reitera que a cidadanía empregue o número 061 só para emerxencias ou casos graves e aconsella utilizar o número gratuíto do 900 400 116 para consultar dúbidas ou síntomas leves de coronavirus.
O Sergas ten ao dispor da cidadanía unha páxina web (https://coronavirus.sergas.es), na que se pode consultar información dirixida á poboación, aos profesionais sanitarios e a outros colectivos.
Relacionadas:
-
Falece en Montecelo un home de 67 anos diagnosticado de coronavirus, a vítima número 16 na área sanitaria
Por Diego Espiño |
-
Balance diario do coronavirus: 208 casos activos na área sanitaria e 8 hospitalizados, 2 deles na UCI
Por Diego Espiño |
-
As hospitalizacións por coronavirus baixan de golpe ata as 12 na área sanitaria, con só 2 pacientes na UCI
Por Diego Espiño |
-
Un total de 530 pacientes da área sanitaria xa se curaron de coronavirus
Por Natalia Puga |
-
A área sanitaria inicia a semana con 569 casos activos de coronavirus, un máis que o domingo
Por Diego Espiño |