Estudan fórmulas para celebrar o pleno de maio no Teatro Principal
Por Alejandro Espiño
Desde hai semanas, o Concello de Pontevedra traballa no modo de retomar a actividade municipal habitual e, a este respecto, un órgano que non se volveu a reunir tras a declaración do estado de alarma, é o pleno da corporación. Iso podería cambiar no mes de maio.
A idea, tanto do goberno municipal como da oposición, é poder celebrar o luns 18 de maio un pleno presencial no Teatro Principal. Sería sen público e garantindo que se poida facer telematicamente para as persoas que, por distintas razóns, non poidan acudir.
Así se acordou na xunta de voceiros celebrada este martes e na que participaron o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, Tino Fernández en representación do PSOE e Carme da Silva polo BNG, de xeito presencial; e Pepa Pardo (PP) e Goyo Revenga (Ciudadanos), ambos de xeito virtual.
O alcalde explicou ademais que o Concello xa está "traballando exhaustivamente" na reordenación dos espazos municipais, para o que se están a recoller as achegas dos propios funcionarios e dos distintos servizos e, a partir de agora, tamén da oposición.
A comisión de Réxime Interior, prevista para a vindeira semana, será a que aborde a cuestión da adaptación dos espazos do Concello con medidas de seguridade e de separación entre traballadores e cos cambios necesarios para atender ao público cando se poidan abrir xa as dependencias municipais na súa integridade.
Na xuntanza, que Fernández Lores cualificou como unha "reunión construtiva", todos os partidos coincidiron na "preocupación compartida" de saber o que vai pasar o día despois do estado de alarma, algo que depende das decisións que tome o Estado e a Xunta de Galicia.
A este respecto, o alcalde entende que "hai que ser sensatos, prudentes e responsables" ante calquera decisión que se tome desde o ámbito municipal, xa que "todavía non sabemos" como vai a ser a desescalada ou que sectores poderán retomar a actividade e en que condicións.
Lores celebrou ademais que a configuración urbana de Pontevedra contribuíra a que a saída dos nenos fixérase con "responsabilidade" por parte dos pais e destacou que o servizo de recollida de lixo para persoas con COVID-19 xa só atende a 14 persoas, cando tivo un pico de 32, o que entende como un "síntoma" da recuperación dos pacientes infectados na cidade.
Por último, o alcalde felicitou aos servizos económicos do Concello por tramitar o pago de 9 millóns de euros a provedores nas últimas cinco semanas. Explicou que hai ao redor dun millón de euros pendentes de pago que maioritariamente corresponden a facturas do mes de abril, "o que significa que temos practicamente o 100% de factura pagadas" engadiu.
Ademais, lembrou os máis de 11 millóns de euros que suman diversos proxectos en distinto grao de tramitación para poñer en marcha o día despois e destacou que Pontevedra é un concello "saneado" o que permite ter cartos preparados para afrontar a crise.
Relacionadas:
-
O PP propón crear unha comisión no Concello de Pontevedra para "poner los pilares de la reconstrucción"
Por Oskar Viéitez | Creada e actualizada
-
Protección Civil recibe a visita do alcalde para agradecerlle o seu labor cos máis vulnerables
Por Redacción |
-
O PP propón crear unha plataforma para a distribución de produtos con selo pontevedrés
Por Redacción |
-
Ninguén pagará ningún imposto, taxa ou prezo público, segundo Lores, durante o estado de alarma
Por Alejandro Espiño |
-
O Concello ve "imprudente" tomar unha decisión xa sobre as súas festas de verán
Por Alejandro Espiño |