Un total de 530 pacientes da área sanitaria xa se curaron de coronavirus
Por Natalia Puga
Desde o inicio da pandemia do coronavirus, un total de 530 pacientes da área sanitaira de Pontevedra e O Salnés que deron positivo na enfermidade xa se curaron.
Así consta na información facilitada este mércores polo Servizo Galego de Saúde. A Consellería de Sanidade cambiou os criterios á hora de facilitar as estatísticas da incidencia do coronavirus en Galicia para adaptarse ao novo protocolo establecido polo Ministerio de Sanidade e pasou a facilitar o dato actualizado de altas epidemiolóxicas, isto é, pacientes curados. Ata o de agora tan só se facilitaban cifras de altas hospitalarias.
Segundo este novo criterio estatístico, desde o inicio do plan de continxencia do COVID-19 curáronse estes 530 pacientes nesta área sanitaria, na que faleceron 15 pacientes.
As cifras actualizadas indican que este miercoles 29 de abril hai na área sanitaria de Pontevedra e O Salnés un total de 215 casos activos, dato que non resulta posible comparar co do día anterior ao cambiar os criterios.
Este mércores hai 27 pacientes ingresados en hospitais da área sanitaria, o mesmo número que o martes. Deles, 4 están a evolucionar en UCI e 23 están hospitalizados en planta, dúas no Hospital do Salnés e 1 en QuirónSalud Miguel Domínguez.
Os 188 casos activos restantes están en domicilio.
Segundo a información actualizada pola Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade, o número de casos activos de coronavirus en Galicia, segundo os novos criterios, ascende a 3.526, deles 880 son da área da Coruña, 244 da de Lugo, 715 da de Ourense, 215 da de Pontevedra, 808 da área de Vigo, 505 da de Santiago, e 159 da de Ferrol.
Do total de pacientes positivos, 73 permanecen en UCI, 482 están en unidades de hospitalización e 2.971 no domicilio. Polo de agora, en Galicia hai un total de 5.393 persoas curadas, rexistrándose 547 falecementos.
O número de PCR realizadas é de 93.118 e o número de casos de coronavirus detectados en centros residenciais de servizos sociais de Galicia supoñen o 3,3% do total das persoas residentes. Hai 814 usuarios e 325 usuarios de centros residenciais contaxiados e faleceron 128 persoas en residencias e 12 1 en hospitais e residencas integradas.
A Consellería de Sanidade reitera que a cidadanía empregue o número 061 só para emerxencias ou casos graves e aconsella utilizar o número gratuíto do 900 400 116 para consultar dúbidas ou síntomas leves de coronavirus.
O Sergas ten ao dispor da cidadanía unha páxina web (https://coronavirus.sergas.es), na que se pode consultar información dirixida á poboación, aos profesionais sanitarios e a outros colectivos.
***** O gráfico que acompaña esta información adaptouse ao novo protocolo de datos facilitados e nos pacientes curados engádense os que tamén son altas domiciliarias. O incremento de curados e descenso de activos débese a esta inclusión das altas domiciliarias.
Relacionadas:
-
Falece en Montecelo un home de 67 anos diagnosticado de coronavirus, a vítima número 16 na área sanitaria
Por Diego Espiño |
-
Balance diario do coronavirus: 208 casos activos na área sanitaria e 8 hospitalizados, 2 deles na UCI
Por Diego Espiño |
-
As hospitalizacións por coronavirus baixan de golpe ata as 12 na área sanitaria, con só 2 pacientes na UCI
Por Diego Espiño |
-
Tres novas altas e un paciente menos en UCI por coronavirus na área sanitaria
Por Natalia Puga |