Feijóo "non avala" o plan de desescalada do Goberno e critica que se fixo "de costas" a Galicia

Por Natalia Puga
O presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, mostrouse moi crítico co Plan de Desescalada presentado polo Goberno para saír do estado de alarma ditado para frear o coronavirus e rexeitouno por completo asegurando que o Goberno galego "non avala" o documento, ao que atribúe "algunhas luces e moitas sombras".
Feijóo sostén que o plan "debe ser modificado" e que non conta co respaldo da Xunta porque se fixo "de costas ás comunidades autónomas", entre elas, a Galicia. Así, cuestiona que o documento fai referencia a parámetros sanitarios consensuados coas autonomías, cando con Galicia, polo menos, non se acordou e as comunidades teñen un "papel testemuñal". A súa proposta é que se aprobe na conferencia de presidentes tras escoitar aos distintos gobernos autonómicos.
Nunha comparecencia ante os medios para avaliar o plan, Feijóo mostrou a súa confianza en que o Goberno "deixe mellorar" o documento e aposte por "traballar xuntos", pois, ao seu xuízo a mellor forma de afrontar a situación é traballar "de forma coordinada e leal e non a través de imposicións, con ordes ministeriais que ás veces modifican unhas a outras".
Entre outras críticas, sostén que o plan "está pensado para realidades urbanas, non rurais" e iso provoca que moitos municipios que, pola súa taxa de contagios, xa estarían preparados para a fase 3, pero "terán que esperar semanas" ata poder chegar á situación que permite esa fase.
Ademais, sostén a "necesidade de replantearse" a mobilidade provincial, pois, poñendo como exemplo a provincia de Pontevedra, explicou que "non ten sentido" que un cidadán non poida ir a Ourense ou a localidades da Coruña ata o 22 de xuño e lembrou que en Galicia hai moitos pobos que están divididos entre dúas provincias.
O 10 % da poboación galega, 266.000 galegos, viven en 70 municipios limítrofes entre provincias, asegurou Feijóo, que cre que "o lóxico é que se dúas provincias teñen situacións epidemológicas similares, poida haber mobilidade". Ante esta situación, pide que a unidade que se tome como referencia sexa a área sanitaria, non a provincia,
O presidente da Xunta tamén critica a "indefinición" do plan en cuestións que afectan o comercio, a actividade pesqueira, o rural, os hoteis ou a restauración e cre que o Goberno debe "despexar incógnitas" como, por exemplo, por que na fase 2 pódese quedar nunha terraza cun familiar, pero non se pode ir á súa casa.
Ademais, cuestiona que, a día de hoxe, a Xunta descoñece os criterios sanitarios que ten que alcanzar para cambiar de fase. Así, Feijóo comparte que a desescalada leve a cabo dunha forma gradual, con períodos de dúas semanas entre cada fase e aplaude que se adoptaron propostas que a Xunta expuxera como abrir o comercio con cita previa, pero, en xeral, ve que é un documento "confuso e discrecional".
Outro aspecto que non convence a Feijóo é o criterio para levar aos nenos menores de 6 anos a centros educativos. "Sorpréndenos que o criterio para abrir as garderías sexan que os pais teñan traballo ou non. Os pais que perderon o traballo dubido que compartan ese criterio. Eu tampouco", sostén o presidente, que xa avanzou que tentará que se aclare.
Relacionadas:
-
Pontevedra, autorizada por Sanidade a pasar á fase 1 da desescalada
Por Diego Espiño |
-
A Xunta declara loito oficial durante todo o mes de maio polas vítimas do coronavirus
Por Redacción |
-
A reapertura dos ximnasios será progresiva, cun tercio do aforo e sen vestiarios
Por Alejandro Espiño |
-
Comercios, hoteis e bares con terraza abrirán o 11 de maio; restaurantes, a finais de mes
Por Alejandro Espiño |
-
Sánchez sitúa a "nova normalidade" a finais de xuño tras unha desescalada en catro fases
Por Alejandro Espiño |
-
Feijóo propón unha desescalada por áreas sanitarias
Por Oskar Viéitez |