Un control dunha hora en Benito Corbal detecta oito persoas que se saltaron o confinamento
Por Natalia Puga
Tras case seis semanas de estado de alarma, apenas chama xa a atención que se fagan macrocontrois policiais en distintos puntos da cidade. É o caso do realizado na mañá deste mércores pola Policía Local de Pontevedra na rúa Benito Corbal. Varias patrullas despregáronse e deron o alto a todos os vehículos e peóns que pasaban polo lugar, pero, afeitos xa á presenza policial na rúa, os cidadáns non mostraron ningunha estrañeza.
O control, realizado entre as 11.00 e as 12.00 horas, controlou a decenas de vehículos e viandantes e pechouse, segundo a información facilitada pola Policía Local, con oito denuncias a outros tantos cidadáns por incumprir as restricións do desprazamentos asociadas ao estado de alarma.
Dúas das persoas denunciadas circulaban en vehículos e as outras seis ían camiñando cando a Policía Local lles preguntou polo motivo do seu desprazamento e acabou propoñéndoos para unha sanción porque non era xustificado.
Ademais, os axentes denunciaron un condutor tras constatar que non cumprira coa obrigación de realizar un curso de sensibilización e reeducación viaria por perder os puntos do carné de conducir.
Desde a activación do estado de alarma o pasado 14 de marzo para frear o avance da pandemia do coronavirus, a Policía Local de Pontevedra formulou un total de 427 denuncias por distinto tipo de incumprimentos a un total de 351 infractores diferentes.
Segundo consta nas estatísticas policiais, entre os infractores hai 43 reincidentes que cometeron polo menos dúas denuncias. En total, entre eses 43 reincidentes foron sancionados nun total de 119 ocasións.
Así, o 72% por cento dos infractores foron denunciados tan só unha vez, pero hai un 28% de reincidentes. Resulta especialmente rechamante o caso de dous cidadáns denunciados tan só pola Policía Local en sete ocasións. Ademais, hai un cidadán con seis denuncias e outro con cinco. Outros tres foron denunciados catro veces, hai dez que acumulan tres propostas de sanción e 26 que suman dúas.
Por sexos, os homes cometen máis incumprimentos que as mulleres. Así, saltáronse o confinamento en Pontevedra 268 homes (o 76% do total) e 83 mulleres.
Por idades, a franxa de idade con máis números de infractores é a de persoas de 18 a 29 anos, con 94 denunciados, o 26,8% do total.
Os seguintes máis infractores son as persoas de 30 a 39 e 40 a 49 anos. En total, suman o 40,7 por cento das infraccións, con 73 (un 20,5) e 71 (un 20,2%) denuncias, respectivamente.
Os menores de idade son os menos denunciados, con 13 denuncias nada máis cometidas por persoas con menos de 18 anos, o 3,7% do total. As persoas entre 50 e 59 anos anos acumulan 48 sancións, o 13,7% das tramitadas pola Policía Local e os maiores de 60, un total de 53, o 15,1%.
Relacionadas:
-
Desaloxan de madrugada un local de lecer nocturno pontevedrés no que se estaba celebrando unha festa
Por Redacción |
-
A Policía Local impón 476 multas, 14 esta fin de semana, por incumprir estado de alarma en Pontevedra
Por Redacción |
-
O Concello agradece aos veciños da Boa Vila por ser "moi responsables" na saída dos nenos
Por Oskar Viéitez |
-
Un mes do estado de alarma: a Policía Local denuncia 225 infractores, 25 deles reincidentes
Por Natalia Puga |