A Deputación aposta por un gran pacto provincial para a desescalada
Por Redacción
A presidenta e o vicepresidente da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva e César Mosquera, mantiveron este mércores a primeira reunión telemática cos alcaldes e alcaldesas da provincia dos concellos de menos de 20.000 habitantes e ofreceron aos asistentes "un gran pacto na provincia" coas administracións competentes para poder das resposta ás fases da desescalada presentadas polo Goberno estatal.
A reunión virtual contou coa participación de 46 alcaldes e alcaldesas da provincia e, ante todos eles, Carmela Silva apostou por traballar "sumando sinerxías" a fin de que as entidades locais "fagan o que mellor saber facer: atender a súas veciñanzas".
Carmela Silva anunciou que se dirixirá á Xunta de Galicia e ao Goberno do Estado, a través da Delegación do Goberno, para traballar de forma colaborativa, cada administración coas súas competencias, para tomar decisións que sumen.
"Non se trata de ver quen corre máis, trátase de acertar", destacou a presidenta provincial, que cre que sería "un erro gravísimo" que cada cada administración puxese en marcha unhas medidas diferentes pola súa conta e fai "un chamamento a que sumemos, e a traballar de forma coordinada".
Carmela Silva cre necesario que o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, convoque ás catro deputacións provinciais e comunicou aos concellos que o goberno provincial estuda a posibilidade de reorientar o orzamento e modificar o Plan Concellos para lograr "ter recursos para as novas necesidades" derivadas da crise do coronavirus.
Silva avanzou que formulará estas propostas á oposición para buscar o consenso e aproveitou para facer un recoñecemento aos gobernos e oposicións de todos os concellos por estar a facer un "traballo excepcional". Nesta liña, Mosquera quixo facer un recoñecemento ao PP "que está a ser un exemplo de como se colabora para saír adiante nunha situación como esta".
Mosquera apelou á cautela e a solidariedade nas actuacións das administracións e destacou que as medidas impulsadas ata agora pola Deputación estiveron baseadas no principio de prudencia, "porque non se sabe o que vai pasar, se as administracións locais imos ter menos recursos que hoxe ou máis".
Segundo a información facilitada pola Deputación, as alcaldesas e alcaldes que participaron coincidiron na necesidade de axilizar os procedementos e de ter ferramentas para evitar a burocracia excesiva e de adaptación á nova realidade e solicitaron cambios na Lei de Contratación e nas normas de Facenda para facilitar a actuación dos concellos.
Ademais, instan á Xunta a facilitar axudas directas a sectores como a hostalería e o comercio, e piden ao Estado a opción de poder utilizar remanentes e superávit. Tamén piden á Consellería de Sanidade que lles remita, dentro da confidencialidade, os datos sanitarios en cada concello para poder tomar decisións, e cara ao turismo e impulsar o rural como espazo de oportunidade.