Reapertura das hortas urbanas o próximo sábado 2 de maio
Por Redacción
O alivio das medidas de confinamento por parte do Goberno central trae consigo a reapertura das hortas urbanas comunitarias de Pontevedra. Deste xeito, os 53 usuarios das hortas do Mirador de Monte Porreiro e a Finca de Conde Bugallal poderán volver acceder a elas a partir deste sábado 2 de maio.
Tras consultar cos servizos xurídicos do Concello os pormenores legais da fase preparatoria de desescalada en relación á atención de hortas familiares, municipais e de autoconsumo, a Concellería de Desenvolvemento Sostible e Medio Natural está xa informando aos concesionarios de que poderán retomar o uso destes verxeis comunitarios sempre que respecten as directrices estipuladas pola Xunta e a Administración local no que atinxe a normas sanitarias e de desprazamento, que neste caso non deben superar os cinco quilómetros dende o domicilio.
Tal e como sinala o responsable do departamento municipal, o socialista Iván Puentes, a medida adoptouse unha vez garantido que os 16 usuarios das horta do Mirador e os 37 das de Conde Bugallal contan coas axeitadas condicións de seguridade para poder traballar nestes espazos. Con tal motivo, o Servizo Municipal de Medio Ambiente e a empresa encargada da xestión dos verxeis, Feito Pontevedra SL, puxeron a disposición dos concesionarios un modelo de declaración responsable para xustificar a necesidade de desprazamento e un documento no que se recollen as normas de uso durante a vixencia das medidas especiais de loita contra a Covid-19.
Entre as disposicións que estableceu a Concellería de Desenvolvemento Sostible lémbrase que "o correcto uso das hortas e o cumprimento das normas e medidas de prevención establecidas quedan baixo a única responsabilidade de cada un dos usuarios/as, quedando o Concello liberado de calquera responsabilidade por posibles infeccións ou contaxios".
"Cada persoa poderá acudir á horta, como máximo, unha hora ao día e dous días por semana; será obrigatorio o uso de mascarilla e luvas durante todo o tempo que se permaneza no interior da horta, cando se estea en contacto co material e cos apeiros empregados no mesmo e tamén no almacén de material, e por suposto, haberá que respectar a distancia social cos outros usuarios, mantendo en todo momento unha separación mínima de 2 metros entre eles", apunta o concelleiro Iván Puentes.
Así mesmo, os concesionarios deberán reservar con anterioridade a cada visita o día e a franxa horaria concreta na que desexen acudir á horta. Para a primeira quenda irase chamando telefonicamente aos usuarios por orde de numeración de parcela, pedíndolles que elixan día e hora. Posteriormente, a empresa Feito Pontevedra SL deixará no lugar un cadro con espazos ordenados para que os solicitantes poidan anotar directamente o seu nome nas xornadas e franxas que queden libres.
Entre as normas de obrigado cumprimento, o Servizo de Medio Ambiente decretou que "en cada bancal só poderá estar traballando unha persoa" e que "o número máximo de persoas que poden estar simultaneamente na horta será de dous no caso do verxel do Miradoiro e de catro no de Conde Bugallal". Todo o material e as ferramentas comunitarias deben desinfectarse antes do seu uso cunha solución hidroalcólica. Para este fin, estase a dotar ás instalacións de dispensadores.
O Concello informa de que o material particular gardado no almacén se debe retirar, sendo traído ás hortas polos usuarios cada vez que precisen empregalo e non podendo entrar en contacto co material común en ningún momento. A zona de almacén será desinfectada periodicamente cun produto que pode ser prexudicial para o material téxtil, polo que todas as pertenzas particulares non retiradas polos seus donos serán recollidas polos responsables da horta e gardadas noutro espazo ata o levantamento das medidas especiais de loita contra a Covid-19, momento no que serán devoltas ao almacén.
O concelleiro Iván Puentes advirte que "calquera incumprimento destas normas pode levar á perda do dereito de cesión da horta urbana con carácter inmediato e indefinido".
Relacionadas:
-
Menos restricións para as hortas urbanas de Pontevedra na fase 2 da desescalada
Por Redacción |
-
O Metrominuto chega a Monte Porreiro acompañado dunha guía comercial
Por Redacción |
-
Verdura estragada e caracois, na volta a actividade das hortas urbanas
Por Redacción |
-
Empresarios de venda de produtos agrícolas: "A crise sanitaria coincidiu horrible, no peor momento"
Por Diego Torrado & Cristina Saiz & Anxo Lourido |
-
Usuarios das hortas urbanas de Pontevedra piden a súa apertura inmediata
Por Anxo Lourido |
-
Permitido o desprazamento a hortas de autoconsumo no concello de residencia
Por Oskar Viéitez |