Pontevedra celebrará a festa dos maios a través das redes sociais
Por Redacción
A concellería de Festas do Concello de Pontevedra non renuncia a dar a benvida a maio como todos os anos. A pesar de que esta vez non poderá realizarse a tradicional celebración na Praza da Ferrería, si que está previsto facelo de forma dixital. O departamento que dirixe a concelleira Carme da Silva ten preparado un amplo abanico de colaboracións que comezará este venres ás 11 horas coa benvida ao maio, con coplas, actividades infantís e información para elaborar estas características estruturas que poderá seguirse a través da páxina web do Concello ou das súas redes sociais.
O documentalista Ramón Rozas encargarase este ano de dar a benvida ao maio, Xosé Carlos Morgade puxo letra á copla do 2020 e Álvaro Novegil ocúpase de poñer a banda sonora á celebración cunha obra creada especificamente para esta ocasión.
Ademais dos actos institucionais, no barrio de Monte Porreiro o IES Luís Seoane pediu aos seus alumnos que debuxasen ou creasen un maio nas súas casas para pegalo ou colocalo nas súas xanelas e, deste xeito, adornar o barrio como corresponde a esta época do ano.
CANTOS DE VARANDA
A asociación Maravallada colabora coa concellería de Festas para a organización este venres dunha peculiar xornada de Cantos de Varanda. Pola situación de confinamento derivada da crise sanitaria, os organizadores de Cantos de Taberna decidiron poñer en marcha esta nova iniciativa á que se poden sumar todas as persoas que o desexen desde as súas casas.
A partir das 21 horas, Maravallada habilitará unha conexión en directo a través desta ligazón de Youtube no que todos os interesados poderán unirse á agrupación para cantar tres pezas en directo a través dos seus teléfonos ou tablets. A idea é que os participantes saian aos seus balcóns ou desde as súas xanelas para facer chegar estas coplas aos recunchos de toda a cidade.