Poio ofrece mascarillas ás perruquerías do municipio
Por Oskar Viéitez
O Concello de Poio pon a disposición das perruquerías de todo o municipio mascarillas de protección facial integral.
Poderán ser adquiridas, polos profesionais que acrediten a súa actividade, nas dependencias da xefatura da Policía Local, en San Salvador.
Neste caso, esta actuación vén motivada pola entrada nunha nova fase da desescalada do confinamiento actual, que permite que, a partir do vindeiro luns, as perruquerías e barberías poidan retomar a súa actividade, sempre e cando se cumpran uns parámetros, como a aplicación do sistema de reservas a través de citas previas e garantindo as normas sanitarias correspondentes a distanciamento e uso de material hixiénico.
A Comisión de Emerxencias da Covid-19 entende que a doazón destas mascarillas de protección integral supoñen unha axuda importante para este sector, tendo en conta que o seu traballo implica unha proximidade inevitable cara a clientela.