Exención de impostos e aposta pola venda online, medidas do Concello de Marín para salvar a súa economía
Por Redacción
A Mesa de Traballo polo Comercio do Concello de Marín reuniuse este xoves para dar conta das principais medidas adoptadas polo goberno local no que respecta a este sector. Os edís de Facenda, Manuel Santos; e de Comercio, Cristina Acuña; explicaron aos representantes dos grupos de PSOE e BNG que os esforzos do Concello centráronse principalmente en dar facilidades aos empresarios á hora de abonar os impostos municipais.
Neste sentido, o executivo que dirixe María Ramallo ampliou os prazos de pago voluntario en diversos tributos e mesmo aprobou a exención total do pago da taxa por ocupación de vía pública de mesas e cadeiras durante o 2020 e 2021.
"É unha medida que pode axudar moito aos locais de hostalería”, recoñece Santos Costa, que sitúa á hostalería como un dos sectores que sairá máis castigado da crise.
Doutra banda, a titular de Comercio adiantou que esta fin de semana lanzarase a campaña de dinamización "que pretende ser un revulsivo para a nosa economía local, dotándoa dun espazo online que mellore a súa visibilidade no mundo virtual", explicou Acuña.