O PP de Ponte Caldelas acusa o alcalde de esgotar a enxeñería financeira aprazando débedas e xogando cos impagos
Por Redacción
Preocupación é a palabra coa que definen os integrante do Partido Popular de Ponte Caldelas a sensación que provoca o informe emitido polo interventor do Concello en relación á liquidación do orzamento do ano 2019.
Segundo indican, o técnico sostén que "esta situación reafirma a necesidade de promover unha política de contención do gasto a efectos de reverter a situación que se está xerando e que, se non hai máis remedio, conducirá a unha deterioración da situación económico-financeira do Concello, de persistir a obtención de resultados orzamentarios negativos".
No próximo pleno ordinario, en maio, os concelleiros populares afirman que pedirán explicacións para evitar "unha desfeita total nas contas municipais". Apuntan que este estado das contas é "moi grave" xa que a xestión céntrase nunh política de aprazamento dos pagos obrigando a deixar dun ano para outro cantidades importantes de diñeiro en facturas pendentes de pago, que no principio do ano superaban o millón de euros. 700.000 euros debatéronse en pleno para realizar un recoñecemento extraxudicial da débeda hipotecando o orzamento deste 2020, segundo a versión dos populares.
Os populares denuncian que o goberno do alcalde Andrés Díaz está a esgotar a enxeñería financeira aprazando as débedas e xogando coa falta de pagamentos a provedores para facer cadrar as contas. Esta política, alertan, obrigará a solicitar novos créditos.
Desde o grupo municipal da oposición indican que estas contas revelan unha "clara e nefasta xestión económica de Díaz" á fronte do Concello de Ponte Caldelas.
Relacionadas:
-
Andrés Díaz defende a "boa xestión económica" do Concello de Ponte Caldelas
Por Redacción |
-
O goberno local aproba en pleno a conta xeral de 2018 e un recoñecemento extraxudicial de crédito
Por Redacción |
-
O PP denuncia que Andrés Díaz aumentou as facturas sen pagar do Concello de Ponte Caldelas
Por Oskar Viéitez |