Nova gran operativa de graneis no Porto de Marín
Por Redacción
O Porto de Marín vive esta fin de semana unha nova e intensa operativa de descarga de graneis agroalimentarios, unha das mercadorías básicas durante estas semanas por mor da crise sanitaria ocasionada polo coronavirus.
Os cereais e pensos que chegan ao porto abastecen as granxas avícolas e gandeiras de Galicia que, á súa vez, son fundamentais na subministración de carne, ovos e demais derivados aos mercados de consumo. O Porto de Marín dispón ademais dunha importante conexión ferroviaria, o que facilita o tránsito destas mercadorías coa saída diaria de polo menos un tren de cereais.
Esta fin de semana está a operar o buque Charmey que descarga 33.000 toneladas de millo procedente de Ucraína ao que tomará a substitución o Fadelsia, para descargar 28.000 toneladas de fabas e fariña de soia. O dos graneis agroalimentarios é un dos principais tráficos no Porto de Marín, para o que conta con operadores e maquinaria especializada, ademais dunha gran capacidade de almacenamento. É un os tráficos que contan con certificación europea de calidade no porto.
Ademais, para estes días está prevista a carga de ata tres buques de pasta de papel, outra das mercadorías que están a resultar de primeira necesidade durante esta pandemia para a elaboración de subministracións hixiénicas, máscaras, etc. A eles súmase a chegada mañá dun portacontedores con 10.000 toneladas de mercadoría diversa e a carga de compoñentes eólicos.
O Porto de Marín, como servizo esencial, segue traballando desde o inicio da epidemia con todos os seus servizos básicos operativos e a pleno rendemento para garantir a continuidade da cadea loxística e a subministración dos mercados.
Relacionadas:
-
Actividade frenética no porto de Marín: dobre operación de carga e descarga de contedores e eólicos
Por Redacción |
-
O Porto de Marín anuncia unha limpeza submarina das súas dársenas
Por Redacción |
-
A industria transformadora do Porto é a que máis sofre o impacto da crise sanitaria
Por Oskar Viéitez |
-
Armadores do Gran Sol entregarán 400 quilos de peixe semanais ao Banco de Alimentos
Por Redacción |
-
A CEMMA segue achegando a vida dos mamíferos mariños desde o confinamento
Por Marisa Ciordia |
-
Rescatados os dous mariñeiros do "Batman" que encallaron en Udra
Por Oskar Viéitez |
-
Sanxenxo renova dous pilotes do pantalán da navieira para permitir a atracada de catamaráns o próximo verán
Por Redacción |