A Deputación acusa a Cores Tourís de "mentir sen pudor" e pide a Núñez Feijóo que controle ao delegado da Xunta
Por Redacción
O delegado territorial da Xunta de Galicia José Manuel Cores Tourís lamentaba nas últimas horas que a Deputación enviase unha carta á administración autonómica ameazando con deixar de desinfectar os centros de saúde. A resposta por parte da institución provincial non se fixo esperar da man do deputado de Economía Carlos Font.
Font acusa a Cores Tourís de "mentir sen pudor" ao realizar esta afirmación. "Tourís mente, e faino con todo descaro, porque a Deputación está a cumprir a orde da Xunta de desinfectar os PAC dos concellos co persoal do Consorcio Anti Incendios" e, a continuación, explica que o único que solicitan é que cando finalice o estado de alarma, a Xunta elabore un Plan de Desinfección dos espazos públicos.
Lembra que as competencias sobre saúde e hixiene son exclusivas da Xunta e sinala que mesmo o persoal sanitario non entende que o goberno galego careza dun servizo propio para desinfectar os Puntos de Atención Continuada e os centros de saúde. Afirma que non se entende como a Xunta non dispuxese dun sistema para realizar estes traballos.
Font tamén pide ao presidente da Xunta Alberto Núñez Feijóo que pare os "reiterados intentos de Tourís de atacar á Deputación de Pontevedra". E afirma que desde o goberno provincial non van entrar nestes debates estériles: "Non é o que precisa a xente, nin tampouco temos tempo que perder nesas guerras. Queda claro que non atenderon nada".
Desde a Deputación sinalan que levan un mes esperando unha resposta da Xunta de Galicia para manter reunións para colaborar e planificar unha resposta coordinada á pandemia desde as administracións.