Andrés Díaz defende a "boa xestión económica" do Concello de Ponte Caldelas
Por Redacción
O alcalde de Ponte Caldelas, Andrés Díaz, defendeu este sábado a xestión económica do goberno local tras as críticas do Partido Popular sobre a liquidación anual de 2019.
Segundo o rexedor, Ponte Caldelas presentou ante o Ministerio de Facenda unha liquidación na que se detalla que a administración local finalizou o ano con 414.734,23 euros de remanente de tesourería e 259.921,41 euros de superávit.
"Esta boa situación económica, unida a unha xestión responsable, seria e prudente, fixeron posible que o Concello de Ponte Caldelas puidese tomar moitas medidas en preventivo desde o momento no que se iniciou a crise do coronavirus", sinalou Díaz.
Entre estas accións o alcalde destaca o pago de axudas directas a autónomos e pequenas empresas, a repartición de alimentos, a desinfección diaria do centro urbano e nas diferentes parroquias do rural, a repartición de máscaras a toda a poboación ou a fabricación de 'fontes desinfectantes'.
"Todas estas medidas poden levar a cabo porque o Concello de Ponte Caldelas é unha administración ben xestionada, saneada e cunhas contas claras", defendeu Andrés Díaz.