O concelleiro de Urbanismo insiste nas numerosas anomalías da reforma viaria que a Xunta acomete en Raxó
Por Redacción
Gregorio Agís, concelleiro responsable de Urbanismo no Concello de Poio, móstrase sorprendido pola resposta da Consellería de Infraestruturas, que dirixe Ethel Vázquez, en relación ás reclamacións do goberno local para mellorar as obras que se realizan en Raxó. "Resulta inaudita", afirma o concelleiro, que non entende como a Xunta alega falta de colaboración por parte do Concello cando foi a Consellería quen desestimou todas as propostas municipais.
"Non se pode culpar ao Concello dos seus fracasos", alega Agís, sinalando que o proxecto realizado pola Xunta na contorna da PO-308 en Raxó é "manifestamente mellorable" e sinala que o Plan Xeral de Ordenación Municipal propón unha solución mellor que a proposta pola Consellería. Por este motivo, pregúntase por que a Xunta non aprobou esta alternativa.
Gregorio Agís afirma que o proxecto resulta inexplicable ao non solucionar os problemas de conexión e seguridade viaria en Raxó. E afirma que esta reforma vai crear novos problemas cun ramal de acceso ao que se lle dá tratamento de autovía nunha contorna urbana, carece de beirarrúas nunha estrada que dá acceso a un centro médico e ao centro cultural Xaime Illa. Ademais, segundo expón o concelleiro socialista, deixa sen saída un vial existente e crea un impacto visual "brutal".
Segundo expón, a Xunta pretende que sexa o Concello quen asuma a execución dun "escalextric" para dar saída á rúa Leopoldo Nóvoa. A esta situación, desde o goberno local de Poio pide que se resolvan diversas anomalías detectadas como a instalación de sinais que impiden o paso aos transeúntes, marquesiñas sobre as beirarrúas que limitan o acceso peonil ou a eliminación de espazos previstos no proxecto para instalar os contedores de lixo.
Relacionadas:
-
Luciano Sobral quere falar coa conselleira das obras da PO-308 en Raxó
Por Oskar Viéitez |
-
O BNG de Poio pide limitar a velocidade a 30 km/ h na Avenida da Barca
Por Redacción |
-
A Xunta lamenta a "absoluta falta de colaboración do Concello de Poio" nas obras da estrada PO-308
Por Oskar Viéitez |
-
Poio solicitará espazos peonís no novo ramal da PO-308 en Raxó
Por Redacción |
-
O PP de Poio denuncia a instalación de contedores de lixo municipais que dificultan o paso de peóns na PO-308
Por Redacción |
-
Poio pide medidas á Xunta para evitar que a mobilidade peonil se vexa "comprometida" en Raxó e Covelo
Por Redacción |
-
Marquesiñas de estrea entre Covelo e Raxó
Por Redacción |
-
A Xunta retoma tres actuacións de mellora da seguridade viaria en Poio
Por Redacción |